A campaña da biopsia líquida encara a última semana a 120.000 euros do seu obxectivo
O grupo de investigación recadou 380.000 euros e esperan "un empurrón" nestes sete días.
A campaña do Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Oncomet) para avanzar na investigación da biopsia líquida anima a sumarse á campaña de micromecenado na súa última semana tras recadar 380.000 euros dos 500.000 fixados como obxectivo.
En declaracións a Europa Press, a responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Laura Muinelo, destacou que encaran a "recta final" e esperan "un empurrón" nestes sete días ata o 12 de abril, que concluirá a campaña para reunir doazóns para esta investigación.
Muinelo trasladou o agradecemento do seu grupo de investigadores polas achegas recibidas ata a data ante "a resposta moi positiva da xente". "A cantidade que hai (380.000 euros) é moi importante", valorou.
"Animar a todo aquel que ten ganas de colaborar nestes sete días", afirmou a doutora Muinelo, quen lembrou que se trata de axudar nun "proxecto con obxectivos moi claros" e que vai "repercutir nos pacientes oncolóxicos" ao permitir "ter máis alternativas para o seguimento de terapias".
AVANCES
Deste xeito, incidiu a responsable da Unidade de Análise en que a biopsia líquida "está a empezarse a implantar en hospitais". Así, sinalou que a idea é "identificar novos marcadores" co fin de "facer mellor a selección dos tratamentos".
Deste xeito, Laura Muinelo resaltou, en declaracións a Europa Press, que o seu grupo de investigadores confía en que "nun tempo intermedio", que estimou entre "catro e cinco anos", os resultados do proxecto "poidan ser utilizados na práctica clínica para algún tipo de tumor".
APOIOS
A doutora Muinela valorou todas as colaboracións de entidades e asociacións, así como o apoiado de clubs de fútbol e de baloncesto de Galicia, entre outros.
Neste sentido, destacou iniciativas como microconcertos en rúas de Santiago de nenos do Conservatorio, a colocación de petos en comercios, así como o caso dunha moza que puxo á venda o seu vestido de noiva para doar o recadado ao proxecto da biopsia líquida. "Foi incrible en toda Galicia".
"Moitas asociacións colaboraron co proxecto", recoñeceu, ao que engadiu o apoio de pemes. "Nestes últimos días esperamos que as medianas e grandes empresas se animen", concluíu.
Escribe o teu comentario