A biopsia líquida necesita as empresas galegas para recadar 250.000 euros nun mes
A campaña de micromecenado de Oncomet alcanza case a metade do seu obxectivo de medio millón a falta de 31 días.
Oncomet, o grupo de oncoloxía médica transnacional do instituto de investigación sanitaria de Santiago de Compostela fai un chamamento ás empresas galegas para alcanzar o seu obxectivo na campaña posta en marcha en xaneiro para o estudo da biopsia líquida.
A piques de chegar aos 250.000 euros, con case 6.000 doadores e milleiros de persoas e colectivos que están a colaborar coa campaña, Oncomet valora que a resposta cidadá "está a superar con fartura todas as expectativas".
O director do grupo, Rafael López, destaca que non poden estar máis satisfeitos. "Pero para chegar a alcanzar os 500.000 euros que precisamos para poder continuar co noso traballo e que os enfermos de cancro galegos se poidan beneficiar das vantaxes da biopsia líquida necesitamos tamén a axuda das empresas galegas", asegura.
"Necesitamos da súa xenerosidade e da súa implicación na causa para alcanzar o noso obxectivo e conseguir situar a Galicia na vangarda da investigación oncolóxica", resalta.
Esta revolucionaria técnica de loita contra o cancro, a biopsia líquida, permitiría adiantar o diagnóstico e tratar a enfermidade en fases máis temperás seleccionando mellor os tratamentos.
Moitos pacientes galegos estanse xa beneficiando das vantaxes que ofrece esta técnica de loita contra o cancro no seu tratamento e este proxecto permitirá abrir novas vías e ampliar o número de pacientes.
Escribe o teu comentario