O alcalde de Ferrol recoñece que concibía En Marea como unha organización "diferente"
Manifestou a súa contrariedade co rumbo da organización despois de que Villares asumise a portavocía.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), manifestou, despois de que Luís Villares asumise a portavocía de En Marea, que, os alcaldes das mareas municipalistas que gobernan nalgunhas das principais cidades galegas (el mesmo, Martiño Noriega --Santiago-- e Xulio Ferreiro --A Coruña--) pensaban inicialmente "nun tipo de organización diferente".
"Cando iniciamos un manifesto por parte dos tres alcaldes, --Santiago, A Coruña e Ferrol --, que culminou na asemblea de Vigo, pensabamos nun tipo de organización diferente", remarcou o rexedor, quen asegurou ter "moita estima persoal e aprecio" a Villares.
Con todo, advertiu que, se se busca "facer políticas distintas e demostrar" que En Marea é "unha organización diferente", deberíanse asumir "os compromisos acordados nunha asemblea e tamén establecer unha forma diferente" de organización.
"Coa experiencia que temos aquí, sempre acabamos falando das formas, que tipo de partido e do debate interno, algo que non nos conduce a nada, e onde realmente o que temos que facer é política e non tanto formalismo", reflexionou.
De todos os xeitos, Suárez tamén recoñeceu que, ante a situación política que el ten no ámbito local, afastouse " un tanto do proceso" interno de En Marea.
Escribe o teu comentario