Case 1.900 desempregados galegos econtraron traballo no mes de marzo
O descenso é menor que no conxunto de España. En Galicia hai case 22.000 parados menos apuntados nas oficinas de emprego que hai un ano.
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en marzo en Galicia en 1.868 desempregados respecto ao mes anterior (-0,88%), segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
En comparación con hai un ano, a Comunidade galega conta con 21.741 desempregados menos (-9,38%), o que sitúa o total en 210.056 desempregados.
No conxunto estatal, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en marzo en 48.559 desempregados respecto ao mes anterior (-1,3%), o seu terceiro mellor rexistro nun mes de marzo desde 2002.
O volume total de parados alcanzou a peche do mes pasado a cifra de 3.702.317 desempregados e continúa nos niveis máis baixos do últimos sete anos.
AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL
O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia subiu no mes de marzo nun 1,98% fronte ao mesmo mes do ano pasado, ao situarse en 959.133, o que supuxo 18.585 máis que no terceiro mes de 2016, segundo os datos do Ministerio de Emprego.
Con respecto ao mes anterior, febreiro, a cifra de afiliados en Galicia aumentou un 0,58%, o que supón 5.570 cotizantes máis. Por provincias, en termos interanuais, o incremento máis importante foi na Coruña, un 2,28% --9.203--, seguida de Pontevedra, co 2,07% --6.687--, Lugo, cun 1,37% --1.590-- e Ourense, onde os afiliados aumentaron en 1.106 con respecto a hai un ano, un 1,13%.
Do total de afiliados galegos en marzo, 723.549 estábano no réxime xeral, 214.373 eran autónomos e 21.212 estaban dados de alta no réxime do mar. Dentro do réxime xeral, 5.165 corresponden ao sistema agrario e 27.562 cotizantes ao do fogar.
DATOS NACIONAIS
A nivel nacional, a Seguridade Social gañou en marzo unha media de 161.752 afiliados (+0,9%), o seu mellor dato neste mes dentro da serie histórica. Deste xeito, ao finalizar o mes pasado, o total de ocupados situouse en 17.910.007 cotizantes.
En marzo do ano pasado gañáronse 138.086 cotizantes, menos dos rexistrados este ano, e o único dato similar ao experimentado no exercicio actual é o de 2015, cando se deron de alta no sistema 160.579 cotizantes.
En marzo deste ano o Réxime Xeral gañou 144.337 afiliados, un 1% máis que en febreiro, mentres que o Réxime de Autónomos (RETA) sumou 15.282 novos cotizantes (+0,5%), o do Mar rexistrou 2.100 altas (+3,4%) e o do Carbón, 33 novos cotizantes (+1,2%).
No último ano, a Seguridade Social acumula un repunte de 604.209 afiliados, un 3,5% máis, as mellores cifras tanto en termos absolutos como relativos rexistradas desde 2007, segundo o Ministerio.
Escribe o teu comentario