Abre o prazo para solicitar a prestación de pago único por fillos menores de tres anos
Os beneficiarios perciben un pago único de 360 euros polo seu primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 euros polo terceiro e sucesivos.
O Goberno galego publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde para a concesión da prestación económica de pago único por fillos menores de tres anos para o exercicio de 2017.
Deste xeito, aquelas persoas que con data 1 de xaneiro de 2017 teñan ao seu cargo a menores de tres anos (nacidos entre o 2 de xaneiro de 2014 e o 1 de xaneiro de 2017) e que nin elas nin ningún outro membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración do IRPF correspondente ao ano 2015, terán dereito a esta prestación.
En concreto, os beneficiarios terán dereito a percibir un pago único de 360 euros polo seu primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 euros polo terceiro e sucesivos.
Tamén poderán beneficiarse desta prestación quen teña fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2015 e o 31 de decembro de 2016.
Ademais, en todos os casos, os proxenitores deben ter a súa residencia habitual en Galicia e, na data da solicitude, os nenos deben convivir coa persoa solicitante.
MÁIS DE 2.500 FAMILIAS BENEFICIARIAS Ao ANO
A concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos e o prazo para resolver estas axudas é de 5 meses desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro para a súa tramitación.
Máis de 2.500 familias benefícianse ao ano desta axuda, para a que a Administración autonómica consigna un orzamento de 3 millóns de euros en 2017.
Escribe o teu comentario