Leiceaga rexeita desgastar o PSOE galego con cambios na xestora

O portavoz parlamentario cre que o papel do órgano provisional queda en segundo plano co proceso interno aberto a nivel federal.


|

Leiceagamicro


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, volveu repetir a súa defensa de non realizar cambios na xestora do partido en Galicia ata que se celebre o congreso autonómico, xa que, a pesar de que "non é a situación óptima" non ve "que existan moitas alternativas mellores".


Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, Leicega confesou que "a vida do partido vai virar" ao redor das primarias socialistas que terán lugar o 21 de maio, nas que o PSOE escollerá o seu novo líder estatal entre Susana Díaz, Pedro Sánchez e Patxi López; dos que opinou que os tres son candidatos con "sólidez" e con capacidades para "rexenerar" o partido, aínda que insistiu en manter unha posición de "neutralidade pública" sobre as súas preferencias.


Así, asegurou que a situación do PSdeG "se vai normalizar" unha vez finalice este proceso interno a nivel federal, durante o cal "o papel da xestora en Galicia ten menos relevancia para a vida interna".


Con todo, o portavoz socialista no Pazo do Hórreo cre que o seu papel na Cámara galega dependa de quen vaia liderar o partido en Galicia tras o congreso galego que debe celebrarse tras o federal. "Non hai unha vinculación directa entre unha cousa e outra", esgrimiu.


"Estamos a tentar configurar o grupo como un instrumento útil e deixalo á marxe das disputas partidarias. [...] Todos somos conscientes de que a nosa elección como deputados, ou a miña como portavoz, foi para facerlle oposición a Feijóo e non debemos utilizar esa posición pública para gañar disputas internas; non sería demasiado lexítimo", aseverou Leiceaga.


SITUACIÓN DO PARLAMENTO


Preguntado sobre a situación no Parlamento galego medio ano despois da vitoria do PP nas autonómicas de setembro, o socialista negou que estea a ser unha lexislatura "cómoda" para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.


"Non hai que confundir o grao de crispación na cámara coa comodidade da lexislatura", apostilou, para logo apuntar que é certo que os populares contan con "algunha vantaxe", xa que están "en perfecta orde de batalla" fronte a uns grupos da oposición que se atopan en procesos de conformación.


Así mesmo, defendeu o modelo de "oposición propositiva" que di levar a cabo o PSdeG, que "está a evidenciar de forma moi clara a ausencia de proxecto de Feijóo", xa que "cada vez que temos oportunidade, facemos unha proposta que ten que responder" e a súa forma de facelo "contrasta co que se vende publicamente".


Todo iso, segundo Leiceaga, demostra a "incapacidade" de Feijóo para "facer unha boa xestión". Como exemplo, o portavoz socialista citou a liquidación dos orzamentos do pasado ano, coñecida recentemente. "Se deixa de executar a metade dos fondos relacionados para o fomento do emprego nestas circunstancias ou practicamente a metade dos destinados á dinamización empresarial, considerar isto unha boa xestión está bastante lonxe do que me parece sensato", manifestou.


"A fortaleza aparente de Feijóo ten máis que ver coas debilidades da oposición; esa é unha lección que temos que aprender", confesou, polo que indicou que os socialistas galegos deben prepararse nos próximos tres anos e medio para as eleccións de 2020 para configurar "unha oferta atractiva para ese sector do electorado que quedou na casa ou o moderado que preferiu apoiar a Feijóo antes que confiar nunha alternativa diferente".

relacionada Mario Jiménez sinala que a resposta para a xestora do PSdeG será "dialogada"
relacionada O congreso do PSdeG podería celebrarse en xullo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE