Sergas e sindicatos pactan para reducir o persoal temporal a un 5%
A Xunta comprométese a dotar de 800 prazas os cadros de persoal do sistema sanitario.
O Sergas pactou cos sindicatos CEMS-Omega, SATSE e CSIF o Plan de Estabilidade do Emprego e Provisión de Prazas do Persoal Estatutario do Servizo Galego de Saúde 2017-18; polo que a Xunta se compromete a dotar de 800 prazas os cadros de persoal do sistema sanitario público galego.
A firma do pacto tivo lugar este xoves durante a reunión extraordinaria da Mesa Sectorial de Sanidade, segundo informou a Xunta a través dun comunicado.
Con este plan o Sergas comprométese a reducir a porcentaxe de persoal eventual tres puntos, do 8 por cento actual a un 5 por cento, a través dunha dotación de 438 vacantes nos cadros de persoal e aproximadamente 400 novos nomeamentos de persoal interino.
O programa inclúe un "cronograma de execución" e tamén recolle "un compromiso de ofertas públicas de emprego" para os próximos anos "nas porcentaxes máximas que permita a lexislación básica do Estado".
Por outra banda, a Administración autonómica iniciarás as negociacións para as "bases dun procedemento de concurso de traslados aberto e permanente", así como o desenvolvemento do procedemento de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de cada área.
Escribe o teu comentario