Atopan un home accidentado en Noia grazas a que enviou a súa localización nunha mensaxe
Estaba ferido, pero non sabía precisar ao 112 onde se atopaba. Por sorte, puido mandar a súa localización de GPS.
Un home accidentado este mércores nun accidente de tráfico en Noia foi localizado ao avisar da súa localización a través dunha mensaxe de móbil ao 112 Galicia.
O condutor resultou ferido sobre as 14,20 horas nun accidente ocorrido nun camiño de Nimo, na parroquia de Roo (Noia). Tras iso, o home chamou ao 112 e sinalou que descoñecía onde se atopaba.
Ante esta situación, recorreu a enviar a través do seu móbil unha localización de GPS ao servizo de emerxencias, o que permitiu situar a súa incidencia de forma precisa.
Foron avisados, entre outros, Urxencias Médicas, Bombeiros de Boiro, Grumir de Noia, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil de Tráfico. O ferido foi trasladado polos efectivos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Escribe o teu comentario