Evacuada ao CHUS unha ocupante dun coche que se precipitou por un terraplén en Muros
Os efectivos de Emerxencias excarceraron e rescataron a muller, que viaxaba como acompañante.
Imaxe do vehículo sinistrado. //Foto: GES Muros
Unha muller resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado ao saír da vía un vehículo e precipitarse por un terraplén no termo municipal de Muros. O sinistro tivo lugar sobre as 18,40 horas do mércores na estrada AC-400 ao seu paso por Pasaxeiras, ao saírse da vía un vehículo Renault Megane de cor gris e precipitarse por un terraplén duns cinco metros.
A acompañante quedou atrapada no interior mentres que a condutora estaba fóra na estrada e, segundo explicaron os Bombeiros de Cee, "aparentemente sen danos".
A acompañante foi rescatada por persoal do GES de Muros e levada en padiola a unha ambulancia. Os bombeiros colaboraron no rescate e porteo da vítima ata a ambulancia.
O 061, segundo sinalaron a Europa Press fontes sanitarias, desprazou ao lugar unha ambulancia asustencial e un médico do PAC de Muros para atender á ferida, M.D.F.L., de 47 anos, que foi transferida en ruta a unha ambulancia medicalizada que a levou ao Hospital Clínico de Santiago.
Escribe o teu comentario