Atopan ferida a unha muller que saíu da estrada e caeu por un terraplén no Corgo
Localizárona de madrugada, despois de horas de procura. Quedou ferida dentro o coche nunha zona de difícil acceso.
Os servizos de emerxencias localizaron durante a madrugada deste venres a unha muller ferida no interior do seu vehículo no Corgo (Lugo), tras sufrir un accidente de tráfico e caer por un terraplén de 12 metros. A vítima estaba a ser buscada desde as 22,00 horas do xoves.
Segundo a información do CAE-112 Galicia, o turismo que o que viaxaba a muller sufriu un accidente de tráfico na noite do xoves cando circulaba polo concello lucense do Corgo. O vehículo saíu da estrada e caeu por un desnivel, quedando nunha zona de difícil acceso.
Os axentes da Garda Civil permanecían desde as dez da noite do xoves buscando a muller e deron con ela preto das tres da madrugada, cando solicitaron ao 112 a mobilización dos Bombeiros de Sarria e de persoal sanitario.
Unha vez no lugar, os bombeiros non tiveron que excarcerar a vítima, pero si foi necesario entablillala para poder subila polo desnivel duns 12 metros. A muller foi trasladada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.
Escribe o teu comentario