Adif aproba a adxudicación do centro Vialia na estación de Vigo-Urzáiz

|

Adifcartel


O Consello de Administración de Adif aprobou este mércores adxudicar á sociedade Inmochan España a construción e explotación do centro Vialia da estación de tren de Vigo-Urzáiz, que terá un investimento de 69 millóns de euros (máis IVE).


Tal e como avanzara o presidente de Adif, Juan Bravo, tras visitar a estación a pasada semana, esta adxudicación está condicionada ao informe favorable da Dirección Xeral de Estradas con respecto á solución técnica exposta polo Concello de Vigo para os accesos ao complexo intermodal (que inclúe a construción dun túnel para conectar coa autoestrada AP-9).


Así, esa solución quedaría "incorporada ao expediente urbanístico tramitado pola Xunta de Galicia", con arranxo á lei 3/2016, e que permite o desenvolvemento da estación a pesar da anulación do Plan Xeral de Vigo por parte do Tribunal Supremo, hai máis dun ano.


Vigourzaiz 1

Con respecto ao centro Vialia, Adif optou finalmente por adxudicar a chamada 'proposta de construción B', que contempla algo menos de edificabilidade lucrativa (uns 35.000 metros cadrados) e un orzamento algo menor, uns 69 millóns de euros máis IVE. O prazo de execución da obra é de 30 meses.


EXPLOTACIÓN POR 50 ANOS


A construción desa parte comercial da estación de tren, cuxa explotación se adxudica por un período de 50 anos, realizarase seguindo o deseño do arquitecto Thom Mayne. Paralelamente, a Xunta construirá a estación de autobuses do complexo, cun investimento duns 10 millóns de euros.


Por outra banda, o administrador de infraestruturas ferroviarias precisou que a xestión do servizo público ferroviario non é obxecto deste contrato, e que Adif Alta Velocidade "resérvase os espazos necesarios" para os accesos á estación, a venda de billetes, locais de información ao público, e outros de servizos públicos.

relacionada Adif aproba hoxe a adxudicación da estación de Urzáiz
relacionada Adif finaliza a homoxeneización estética das estacións do Eixo Atlántico

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress