Polémica entre CSIF e a Xunta por nomeamentos "a dedo"

O sindicato denuncia que "o 13% dos postos de funcionarios" continúan como de "libre designación" e o Executivo defende que avanza para xeralizar os concursos de méritos.


|

Papeleofuncionarios


O sindicato CSIF denunciou que "o 13% dos postos de funcionarios" da Administración Xeral da Xunta "son nomeados a dedo". Nun comunicado, CSIF censura que Facenda "incumpre a súa promesa de cubrir as xefaturas de servizo ou nivel equivalente ou inferior a través de concursos de méritos", "ao manter a 655 postos por libre designación, incumprindo a lei de emprego público".


De feito, asegura que "a día de hoxe o 74% do total destes postos da Administración Xeral, que deberían ser cubertos por concurso específico de méritos sono por libre designación", un sistema fixado soamente para cargos de alto nivel (vicesecretarías, subdireccións xerais e secretarías de altos cargos), segundo lembra.


Todo iso, "a pesar de que a Xunta de Galicia anunciou hai dous anos aos catro ventos que o nomeamento a dedo das xefaturas de servizo ou nivel equivalente e inferior tiña os días contados", segundo se inclúe na lei de emprego público galega.


"Na actualidade, dos 880 postos de traballo que son susceptibles de ser provistos por concurso específico de méritos, só se acollen a esta situación 225, mentres que 655 se manteñen por libre designación", alerta CSIF.


"Se sumamos estes 655 aos postos de alto nivel da Xunta, en total temos 1.024 postos de libre designación (con exclusión das do Sergas)", prosegue na súa argumentación, de forma que "o 13% dos funcionarios que traballan na Administración Xeral galega (un total de 7.939, apunta) son nomeados a dedo, con total discrecionalidade".


Para CSIF existe "unha falta de vontade real" do Goberno galego de cambiar o sistema de provisión a pesar das súas promesas, "o que se está vendo nas modificacións das RPT (Relacións de Postos de Traballo), nas que a pesar de que se contempla a provisión dalgúns postos de traballo pasándoos de libre designación a concurso específico, na práctica queda sobre o papel xa que a Consellería de Facenda impide que se execute a pesar de que o mandato da lei é directo".


"CUMPRE A LEI"


A Xunta defende que avanza na cobertura de xefaturas de servizo por concurso específico, á vez que remarca que "está a cumprir" a lei de emprego público de Galicia.


Como réplica, a Consellería de Facenda apunta que a Lei de Emprego Público de Galicia estableceu que as xefaturas de servizo pasarían a cubrirse de forma maioritaria a través dun concurso específico e non a través do sistema de libre designación, pero para iso "é imprescindible" modificar as relacións de posto de traballo (RPT) de cada consellería para adaptalas a esa lei.


E é que a Xunta sostén que "sería ilegal cambiar o sistema de provisión dun posto de traballo sen modificar previamente a RPT na que está incluído ese posto".


Con todo, valora que avanzou "de forma considerable" neste proceso, pois do total de xefaturas de servizo da Xunta, "o 73% xa están adaptadas á lei de emprego ou están en fase de adaptación".


No tocante aos postos xa adaptados á lei, Facenda indica que "o 80% se cubrirán a través de concurso específico", polo que se superarán "as 500 xefaturas de servizo con cobertura a través de concurso tal como prometeu a Xunta".

relacionada O Defensor do Pobo lembra á Garda Civil "o seu deber legal" de coñecer o galego
relacionada ​Prorrogados os orzamentos galegos ata que se aproben os de 2017 en febreiro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE