Absolto o acusado de entrar a roubar na casa da nai da súa ex en Padrón

O testemuño da vítima é a única proba incriminatoria, pois no seu domicilio non se atoparon pegadas nin vestixios de mostras biolóxicas.


|

 Robovivienda


A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, absolveu un home acusado de entrar a roubar na casa da nai da súa ex-parella en novembro de 2014 na localidade coruñesa de Padrón.


Os maxistrados entenden que da proba practicada non quedou demostrado que o acusado fose o autor dos feitos. Segundo argumentan no auto, a declaración da vítima "é a única proba que pode demostrar que o acusado foi o autor do roubo que se lle imputa".


"Así, ninguén máis que ela presenciou o suceso e puido ver ao autor, e na vivenda non se atoparon nin impresións dixitais susceptibles de análises, nin vestixios de mostras biolóxicas con poder ilustrativo, sendo inútiles as análises feitas dun desaparafusador co que se forzou un pequeno xoieiro ou dunhas manchas de sangue que procedían, con toda verosimilitude, do can da denunciante", segundo explican no fallo xudicial.


O tribunal sostén, ademais, que "se se demostrara coa debida claridade que o autor do feito tería levado a cabo os aludidos actos de esnaquizar obxectos persoais" da filla da vítima ou "embadurnar con cremas as súas fotografías, como ela referiu, si que podería, no seu caso, apreciar un especial ánimo de molestar, vexar ou amedrentar" pola súa parte.


"Con todo a súa demostración non foi suficiente, pois as manifestacións da prexudicada non contan con confirmación nas actuacións, pois nin no atestado nin na inspección ocular se reflicte nada respecto diso e nas declaracións prestadas no xuízo polos membros da Garda Civil que acudiron á casa negaron percibir nada diso, cabendo sinalar que as fotos da inspección ocular mostran un grao de desorde análoga", segundo aclaran os maxistrados, que sosteñen que "a autoría do acusado resulta carente de proba bastante para demostrala".


Neste sentido, os maxistrados conclúen que "deste extremadamente confuso panorama" a vítima "parece estar segura de que foi o acusado o autor -por iso o dixo nun primeiro momento a unha veciña súa e mantívoo sempre-, pero o seu contraditorio conxunto de manifestacións non permite obter unha certeza argumentable, racional, dos motivos reais que a levan a tal convicción".


DÚBIDAS


Ademais, os maxistrados apuntan que "esta falta de seguridade que mostran as súas declaracións non só se refire a esta identificación, senón que se estende a moitos outros elementos -varios deles centrais, non meramente accidentais ou tanxenciais- do suceso axuizado".


Por iso, "non cabe que sexa un testemuño incriminatorio que suscita tantas dúbidas ou perplexidades o que poida sustentar unha condena penal respectuosa co dereito á presunción de inocencia", polo que a sala considera que "procede a absolución do acusado".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE