Condenan o Sergas para indemnizar con 385.000 euros á familia dunha moza falecida por unha neglixencia
A sentenza conclúe que "fundamentalmente non se puxeron todos os medios posibles a disposición da paciente, dispoñendo deles".
Un Xulgado de Primeira Instancia de Barcelona condena a Zúric S.A. como aseguradora do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a abonar 385.000 euros a unha familia polo falecemento de W.H., de 34 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Segundo informa a Asociación O Defensor do Paciente, ao viúvo, A.S., de 33 anos, e á súa filla de seis anos, ambos de nacionalidade chinesa e veciños de Ourense, correspóndelles a suma de 104.306 e 126.116 euros, respectivamente, cantidade que coa condena ao pago dos intereses que tamén se lle impón a Zúric ascende a 385.000 euros.
Os feitos sucederon no mes de xullo de 2011 cando a cidadá chinesa residente en Ourense W.H., de 34 anos, acudiu ao CHUO derivada do seu centro de saúde de Ourense con "dor abdominal a nivel do flanco dereito desde pola mañá, sen defensa nin signos de irritación peritoneal, tose seca, mialxias xeralizadas do día anterior, temperatura de 37,4 graos, e de 38,4 graos no PAC, e náuseas".
O día 15 de xullo ás 18,00 horas ante persistencia de dor e febre e a exploración manual levada a cabo con palpación ordénase cirurxía urxente por sospeita de apendicite aguda. Trala cirurxía, segundo relata a asociación, a moza "non é ingresada en UCI, senón en planta, con náuseas e constante dor durante toda a noite sendo inefectiva a analxesia practicada".
A paciente morre na tarde do 16 de xullo á idade de 34 anos. O Defensor do Paciente apunta que a autopsia concluíu que "a paciente faleceu dunha miocardite aguda de orixe vírica, concretamente dunha miocardite aguda linfocitaria difusa, atribuída neste caso a dita infección ao virus Coxackie, tras descartarse outros".
DEMANDA
Así, ante a "falta de explicación razoable de por que a súa esposa ingresara no CHUO por algo aparentemente banal e en dous días tralo ingreso falece", segundo sinala a asociación, o viúvo, a través do seu avogado, Cipriano Castreje, presenta demanda civil nos xulgados de Barcelona contra a aseguradora do Sergas para reclamar os danos e prexuízos causados.
O letrado alega a "existencia dunha asistencia médica deficiente, non conforme á lex artis, erro de diagnostico, falta de tratamento adecuado e a práctica dunha cirurxía inadecuada". A iso suma que "fundamentalmente non se puxeron todos os medios posibles a disposición da paciente, dispoñendo deles, ademais de ser intervida a paciente dunha patoloxía que non tiña".
A sentenza, segundo destaca O Defensor do Paciente, en base ás periciais practicadas, especialmente a achegada coa demanda e a historia clínica da paciente, sinala que no CHUO "se incorreu en neglixencia médica".
ERRO
Neste sentido, a asociación subliña que "na conduta dos facultativos actuantes conxúganse todos os elementos para que poida ser cualificada como un caso de neglixencia médica atribuíble ao Complexo Hospitalario de Ourense, ao non esgotar os medios recomendados e dispoñibles para evitar un erro no diagnostico da patoloxía que sufría W.H.".
"E, a consecuencia do dito erro, desencadeouse un conxunto de condutas fundadas no diagnóstico erróneo, incluída a intervención cirúrxica", apostilou.
A Asociación O Defensor do Paciente "lamenta unha vez máis que o actuar rutineiro provoque mortes cando os hospitais están dotados de infinidade de medios diagnósticos e de persoas capacitadas para utilizalos".
A sentenza non é firme, e pode ser recorrida por Zúric ante a Audiencia Provincial de Barcelona.
Escribe o teu comentario