Caramuxo Teatro leva este domingo á SGAE o seu espectáculo 'Feo'
A sede santiaguesa da fundación acolle esta función baseada no clásico 'O parruliño feo', descrita como "un canto á diversidade".
Representación de 'Feo'. //Foto: Caramuxo Teatro
A Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle este domingo unha nova función de 'Escena en Familia', o ciclo de artes escénicas para os máis pequenos, que nesta ocasión ofrece 'Feo', unha proposta de Caramuxo Teatro.
Segundo informa a Fundación SGAE, trátase dun espectáculo recomendado para nenos a partir de tres anos baseado no clásico 'O parruliño feo' de Hans Christian Andersen. O prezo dos billetes é de cinco euros, que se reduce a catro euros con desconto.
Na súa trama, unha pequena fábrica de parrulos de goma produce todos os días centos e centos de elementos do mesmo tamaño e cor, pero un día sae un parruliño diferente. 'Feo' é, segundo engade, "un canto á diversidade e á esencia dun mesmo; unha comedia para toda a familia".
O ciclo 'Escena en Familia', unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, leva en activo desde abril de 2008. As seguintes convocatorias da súa programación son 'Cincenta', de Danthea Teatro (días 25 e 26 de marzo); 'A Illa dos Nenos', de Hocus Pocus (1 e 2 de abril); e 'A cabeza do dragón', de Monicreques Cachirulo (8 e 9 de abril).
Escribe o teu comentario