Cándido Hermida, o ebanista de Valdoviño que fornece a Inditex
Entre a súa carteira de clientes está a decoración de hoteis de luxo ou dez vagóns do AVE á Meca destinados á realeza.
A historia de Cándido Hermida, que comezou a súa andaina en 1984 coa apertura dun modesto taller de ebanistería en Valdoviño, está ligada ao xigante Inditex desde que este lle encargara realizar 90 mostradores en catro días, en plena Semana Santa, nos anos 90.
A partir de aí, o taller de carpintería pasou dun persoal inicial de seis operarios a máis de 600 empregados e a realizar non só mobiliario para as insignias de Inditex, entre elas Zara, senón a ter encargos doutras marcas como Michael Kors, Loewe ou Guess.
E é que Inditex non só ofrece cifras meteóricas nos seus resultados, cun beneficio que por primeira vez supera os 3.000 millóns de euros, senón que tamén exerce de motor para dar visión internacional aos seus provedores.
VAGÓNS DO AVE PARA A REALEZA
Hermida, tras realizar o seu primeiro pedido para o grupo fundado por Amancio Ortega, ten na súa carteira proxectos como a decoración de hoteis de luxo como Westin Hotels e Intercontinental, dez vagóns do AVE á Meca destinados á realeza, ou os baños do Museo Nacional de Qatar, proxectos de vivendas privadas en Oriente Medio ou mobiliario para estancias da illa artificial Noor Island no emirato árabe de Sharjah.
Cándido Hermida, fundador dunha das compañías galegas con máis dimensión no exterior, conta con filiais en Estados Unidos, Canadá, Francia e Qatar e unha facturación en 2016 de 56 millóns de euros.
Escribe o teu comentario