Feijóo carga contra a Deputación de Pontevedra por "dar diñeiro aos máis grandes"
A xunta directiva do PP pontevedrés marca como obxectivo "gañar as municipais" para recuperar o Executivo provincial, ao que acusa de estar dividido.
Xunta directiva do PP de Pontevedra. //Foto: @pontevedrapp
O presidente do PPdeG e titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acusou este mércores aos "dous gobernos" que, ao seu xuízo, dirixen a Deputación de Pontevedra, de "ignorar" os municipios pequenos para "dar diñeiro aos máis grandes". Deste xeito aludiu á capital de provincia, liderada polo BNG, e a cidade de Vigo, onde o PSOE ten unha folgada maioría absoluta.
Fronte a iso, fixo votos por que este organismo provincial "teña un goberno" do PP e "non dous", para que os seus fondos "volvan aos concellos que máis o necesitan" en lugar de que o diñeiro o reciban "os máis grandes, con máis orzamento".
É precisamente o reto que marcou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cando se cumpre un ano desde que se fixese coas rendas do partido a nivel provincial: "Volver gañar as eleccións municipais, recuperar a Deputación de Pontevedra e gañar nas cidades da provincia". "Non é fácil", asumiu na súa intervención na xunta directiva do PP nesta demarcación.
Polo momento, facendo balance do último ano, opinou que "cambiaron as cousas desde o punto de vista dos resultados, que son os que contan", e "o partido está en vías de recuperar o protagonismo que tivo na provincia" nas últimas décadas.
DAR FACILIDADES A ENCE
O xefe de filas do PPdeG reprochou este mércores aos responsables municipais de Pontevedra que "critiquen" a decisión de Ence de levar a Huelva a planta de biomasa prevista en Lourizán cando "son eles xustamente os que non queren darlle a licenza".
"Non parece razoable ir en contra dunha empresa que se dedica a transformar madeira", opinou, non sen evidenciar que en Galicia se atopa o 47 por cento da masa forestal de España e que o seu sector madeireiro ocupa a máis de 60.000 persoas. "Se non transformamos a madeira en Galicia e hai que vendela fóra, o prezo baixa e moitas familias van perder moito diñeiro", argumentou.
Dito isto, o mandatario asegurou que o Goberno galego está "a disposición" de Ence se "persiste" en instalar unha planta de biomasa en Pontevedra a través da tramitación dun plan sectorial que tardaría entre 20 e 22 meses. "Se non pode esperar ao plan sectorial e a pode facer noutro concello, é decisión da empresa", resolveu.
Neste punto, ante o ofrecemento do concello de Cerdedo-Cotobade para que Ence estude a viabilidade desa planta no polígono industrial de Folgoso, Feijóo indicou que a Xunta non ten "nada que engadir". "Se o propón será porque o ten medido", finalizou.
PAZO DE LOURIZÁN
Por outra banda, Feijóo declarou que lle "sorprende" que a Deputación de Pontevedra "non poña un euro" para rehabilitar o Pazo de Lourizán "e non deixe á Xunta conseguir diñeiro" para a remodelación do que cualificou como un "edificio estrela" e "un dos bens de interese cultural máis atractivos de Galicia".
En alusión ás aspiracións de Ence de instalar no Pazo de Lourizán un centro de investigación, e trala negativa do organismo provincial (propietario do inmoble e os terreos circundantes, aínda que cedidos á Xunta) a facilitar esa actuación, o presidente do Goberno galego cualificou de "sorprendente que a Deputación prefira que se vaia deteriorando a que a Xunta consiga o diñeiro para recuperar o seu esplendor".
Ao fío diso, cuestionou que mentres "o PSOE fóra de Galicia está a favor de Ence", en alusión ás fábricas que a empresa ten en Navia e en Huelva, "en Galicia, como goberna co BNG, está en contra".
Escribe o teu comentario