A reforma das cubertas do Meixoeiro terá que agardar ao verán
A data foi aprazada para aproveitar os períodos nos que descende a carga asistencial e minimizar "as molestias para persoal e pacientes".
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a empresa adxudicataria do cambio das cubertas do Hospital do Meixoeiro de Vigo acordaron que a obra se realizará durante os meses de verán, previsiblemente a partir do próximo 30 de xuño, en lugar de arrincar este luns como constaba na adxudicación do contrato.
Segundo informou o Sergas, a data foi aprazada para aproveitar os períodos nos que descende a carga asistencial e, con iso, minimizar "a posibilidade de molestias para o persoal e os pacientes"; así como para asegurar "unha mellor climatoloxía".
O acordo foi asinado este venres no propio hospital pola directora de Procesos con Ingreso da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, o subdirector de Recursos Económicos, un representante do órgano de contratación, o director de obra, o director de execución e un directivo da construtora.
Esta obra, adxudicada por case 280.000 euros á empresa Misturas S.A., divídese en catro fases e consiste en reformar as cubertas do hospital --sobre o bloque cirúrxico e na proximidade-- para "evitar filtracións que poidan afectar á actividade propia do hospital". O prazo de execución é de 75 días.
Escribe o teu comentario