O Celta viaxará a Rusia por diante na eliminatoria
(2-1). Beauvue cabeceou no último minuto un balón ao fondo da rede para saír de Balaídos con vantaxe.
Custoulle ao Celta rendibilizar en goles o seu dominio ante o Krasnodar en Balaídos. Wass adiantou os galegos no minuto 50 e, cinco minutos despois, Claesson empatou. Os celestes non baixaron os brazos e pelexaron ata o final por marcar. Sobre a bucina, Hugo Mallo puxo un balón perfecto para que Beauvue cabecease ao fondo da rede. O Celta toma vantaxe nos oitavos da Europa League.
Gran primeiro tempo do Celta. Os celestes despregaron o seu xogo máis atractivo, xeraron ocasións e só faltou o gol. Non foi por non tentalo. O Celta dominou o primeiros corenta e cinco minutos ante un Krasnodar que non inquietou a Sergio en ningún momento.
Cabral e Guidetti de cabeza, Wass de falta directa, Sisto desde fóra da área tras unha gran xogada persoal... os de Berizzo crearon perigo, pero o balón resistíase a entrar. A mellor tívoa Guidetti nun remate de primeiras que marchou fóra, practicamente rozando o poste.
A segunda parte arrincou con idéntico guión. Superioridade celeste ante un Krasnodar que apenas lograba xogar en campo rival. O gol chegou de falta directa, no minuto 50. Wass golpeou o esférico con potencia e, tras botar na área, coouse ao fondo da rede. A alegría invadiu Balaídos, pero esvaeceuse moi cedo. Apenas cinco minutos despois Claesson recibiu na frontal, regateou á defensa con moita calidade e coou o balón entre as pernas de Sergio para poñer o 1-1 no marcador. Era o primeiro disparo dos rusos entre os tres paus.
Co empate o Celta baixou unha marcha e por momentos pareceu estar en shock. O Krasnodar tivo unha boa ocasión para marcar o segundo, pero Sergio despexou o remate de Ramírez. Os vigueses recompuxéronse e aos poucos recuperaron boas sensacións. Non se rendeu o equipo de Berizzo, que insistiu ata o minuto final. Aí foi cando chegou a éxtase, sobre a bucina. Hugo Mallo recibiu en banda dereita, enviou o balón á área e Beauvue voou para cabecealo ao fondo da rede.
O Celta adiántase nos oitavos de final. A próxima semana o desenlace en Rusia.
FICHA TÉCNICA
2-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja, Wass (Jozabed, min.69), Iago Aspas, Guidetti (Beauvue, min.79), Sisto.
1-KRASNODAR: Kritsyuk, Martynovich, Naldo, Granqvist, Ramírez, Zhigulev (Torbinski, min.82), Gazinski, Pereyra, Podberezkin (Mamaev, min.74), Wanderson (Laborde, min.79), Claesson.
Goles: Wass, 1-0, min.50; Claesson, 1-1, min.55; Beauvue, 2-1, min.90.
Escribe o teu comentario