A RAG inicia con 'Toponimia de Agolada' unha colección sobre a linguaxe do territorio
'Toponimia de Agolada' detense nos nomes das 24 parroquias e 163 lugares deste concello pontevedrés, zona rica en antropotopónimos.
O Museo de Pontevedra acolleu este xoves a presentación de dúas publicacións sobre toponimia editadas pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Deputación de Pontevedra, 'Toponimia de Agolada', que abre a colección 'Terra Nomeada', e 'Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación'.
A colección 'Terra Nomeada' achegará ao público non especializado de forma científica pero divulgativa a importancia da toponimia galega, "un tesouro do patrimonio inmaterial que describe e define o territorio e que garda a memoria da lingua, a sociedade e a historia dun pobo", segundo indicou a autora do primeiro volume, Luz Méndez.
Así, 'Terra Nomeada' pretende estudar e explicar os nomes de todas as entidades de poboación dos concellos de Galicia e dos seus principais montes e ríos. "Moitos destes topónimos están documentados desde hai máis de 10 séculos, pero son aínda máis antigos, de tempos dos cales non temos memoria escrita", concreta a autora.
'Toponimia de Agolada' detense nos nomes das 24 parroquias e 163 lugares deste concello pontevedrés, zona rica en antropotopónimos --nomes procedentes de persoas--, xeralmente de orixe germánico, topónimos referidos á orografía ou recursos hídricos ou relacionados con animais.
XORNADA DE ONOMÁSTICA
Por outra banda, a outra publicación recolle as conclusións e análises da Xornada de Onomástica Galega que a Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra celebraron o pasado 17 de setembro.
O programa incluíu máis dunha ducia de achegas que agora poden ser consultadas neste volume, cuxa edición corre a cargo do académico Xesús Ferro.
Escribe o teu comentario