Primavera anticipada en Galicia este xoves, con ata 26 graos en Ourense
As temperaturas máis altas do normal para esta época do ano rexistraranse en toda España, con valores por encima da media climatolóxica.
O xoves Galicia quedará baixo a influencia dun anticiclón, con ventos do sur que seguirán enviando aire cálido. Así, espérase unha xornada de tempo seco e de sol, con algún banco de néboa pouco persistente en zonas do interior.
Segundo a información de Meteogalicia, o vento soprará moi frouxo, de compoñente sur. As temperaturas ascenderán, especialmente as máximas, que rexistrarán valores elevados para a época do ano.
Por cidades, as temperaturas máximas oscilarán entre os 25 graos de Ourense e Pontevedra e os 20 de Santiago, mentres que as mínimas estarán entre os 5 graos de Ourense e os 11 de Pontevedra.
TEMPERATURAS ALTAS EN TODO O PAÍS
As temperaturas serán significativamente altas este xoves e predominarán os ceos pouco nubrados ou despexados en todo o país, aínda que pode haber algúns intervalos de nubes baixas no litoral de Galicia e no extremo norte da Península, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
Deste xeito, destaca que as máximas alcanzarán valores "moi claramente por encima da media climatolóxica" para esta época do ano, sobre todo na vertente atlántica e en Canarias.
Así, prognosticou que é probable que se superen os 24 ou 26 graos centígrados na metade sur e no val do Ebro e os 28 ou 30 graos en Canarias.
Por exemplo, a AEMET prognosticou máximas de 31 graos centígrados (ºC) en Santa Cruz de Tenerife; 28ºC en Sevilla e Murcia; 27ºC en Las Palmas de Gran Canaria, Zaragoza; 26ºC en Córdoba, Valencia, Ourense ou Badaxoz; 25ºC en Cáceres, Cidade Real, Huelva, Huesca, Lérida, Pontevedra Teruel ou Toledo; 24ºC en Albacete, Conca, Guadalaxara, Castelló da Plana, Xirona, Xaén, Madrid, Pamplona, Salamanca ou Valladolid.
Mentres, alcanzarán 22ºC en Burgos, Ávila, Segovia, Palma de Mallorca ou Cádiz; 21ºC en Bilbao, León, Oviedo; 20ºC en Melilla; 19ºC en Ceuta, Barcelona; 18ºC na Coruña e Tarragona e 16ºC en Santander ou San Sebastián.
Escribe o teu comentario