Educación estenderá o plurilingüismo en 2018 á etapa de 0 a 3 anos

Sobre as oposicións docentes, o tema de maior actualidade, o conselleiro insiste nunha OPE "con garantías xurídicas".


|

Educacioninfantilaula


A nova estratexia da cultura, a extensión do plurilingüismo a Educación Infantil, a dinamización do libro e a potenciación do idioma entre a mocidade son algúns dos obxectivos destacados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para esta lexislatura.


Así o destacou o titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, durante o transcurso dunha comparecencia no pleno da Cámara autonómica marcada polo debate cos grupos da oposición sobre a incerteza ao redor da nova convocatoria de oposicións docentes.


Rodríguez defendeu a necesidade de dotar de "seguridade xurídica" a este proceso para garantir o "máximo respecto" aos opositores, mentres a oposición o acusa de usalos como "escudo humano" para seguirlle o xogo ao Goberno central no seu intento de sacar adiante os orzamentos deste ano.


Olalla Rodil, do BNG, arremeteu contra "as chantaxes da Facenda española" que evidencian o "apertado corsé desta autonomía", mentres que Luca Chao de En Marea reprocha o "seguidismo" aos "ditados de Madrid".


Desde o Grupo Socialista, Luís Álvarez esixiu unha convocatoria que permita "recuperar" as condicións laborais perdidas polos docentes, mentres que Fernández Gil, do grupo popular, defendeu que se vele pola solidez da OPE.


Respecto diso, o conselleiro de Educación asegurou que "se está facendo todo o que se ten que facer" e alertou do perigo de sacar as prazas e que os tribunais "as declaren nulas", como pasou "en Andalucía" no ano 2012.


PLURILINGÜISMO E REFORZO DE COMPETENCIAS


Unha das principais novidades en materia educativa anunciadas por Educación apunta á extensión do modelo plurilingüe ao ensino de 0 a 3 anos a partir do próximo curso. Esta levará a cabo de forma progresiva e a través dun plan específico que tomará como punto de partida o propios CEIP xa plurilingües nos niveis de Primaria.


Ao mesmo tempo, continuarase coa extensión dos centros plurilingües e seccións bilingües no ensino obrigatorio e no avance do modelo en ensinanzas artísticas, FP, bacharelato e na universidade, coa impartición de graos en inglés.


Outras medidas abordadas por Rodríguez apuntan ao reforzo de competencias clave, tras cultivar resultados "satisfactorios" no informe PISA. A segunda fase do plan LÍA de Bibliotecas escolares será unha das accións máis inmediatas, así como a introdución e extensión da Robótica en primaria, en materia de competencias científicas e tecnolóxicas.


Tamén destacou o reforzo en formación docente tanto nesta materia como en plurilingüismo, e o traballo xunto cos decanos de Ciencias da Educación para axustar as competencias na formación inicial do profesorado para adaptala ás necesidades actuais.


O desenvolvemento da estratexia de convivencia e a consolidación dos resultados obtidos en inclusión e abandono temperán serán outros eixos nos que insistirá o Executivo autonómico, poñendo énfase na "calidade e equidade" do sistema.


Ademais, Rodríguez reiterou o impulso dunha nova estratexia para incentivar o uso do galego na mocidade con "especial atención" aos 'neofalantes', e continuarase avanzando nos vínculos coa lusofonía.


"CATÁLOGO DE IKEA"


Tras considerar que a acción da Xunta parece máis unha revolución "dos Caladiños" máis que unha "silenciosa", como destacou Rodríguez, Olaia Rodil (BNG) defendeu unha Lei Galega de Educación para "desenvolver as competencias que ten Galicia" ante unha Lomce "rexeitada". Así mesmo, esixiu "restituír os espazos de uso" da lingua galega e atender as necesidades dos centros rurais.


Luís Álvarez, do Grupo Socialista, cualificou as medidas de Educación como "un catálogo de IKEA", cheo de "plans milagrosos" e critica que se apele a "consensos" mentres se rexeitan ofertas de pactos, como en materia de gratuidade de libros de texto. Tamén criticou que se insista no modelo "fracasado" de plurilingüismo ou en concertos a centros que separan por sexo.


Desde En Marea, Luca Chao esixiu "datos medibles" sobre os resultados do decreto do plurilingüismo e restituír dereitos dos docentes para que poidan atender tarefas de atención personalizada, que teñen "efecto directo na calidade do ensino".


ESPERANDO "DESCULPAS"


Fernández Gil, do Grupo Popular, criticou que desde os grupos da oposición se insista en dar "visións catastrofistas da realidade" que "escapan moitísimo" da visión dos galegos.


Así mesmo, reiterou en dúas ocasións a súa esixencia dunha "desculpa" trala polémica polo tuit de Carmen Santos sobre violencia machista. "Seguimos esperando desculpas polas calumnias chamándonos asasinos machistas".

relacionada A CIG e A Mesa alertan á Xunta de que o decreto do plurilingüismo e a LOMCE chocan
relacionada A Xunta admite "carencias" na utilización do galego entre a mocidade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE