Todos os Colexios de Xornalistas únense para esixir a creación dun Consello Xeral
Os representantes de oito Colexios Profesionais, e que representan a máis de 7.000 xornalistas, esixen unha lei que poña en marcha este organismo para protexer os intereses dos seus colexiados.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Asturias, xunto aos outros sete colexios de xornalistas do país, así como os que realizan os trámites para a súa posta en marcha en diferentes comunidades, únense para esixir a Lei de creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas de España.
Decanos e representantes dos colexios de xornalistas de Cataluña, Galicia, Murcia, Andalucía, Castela e León, País Vasco, A Rioxa e Asturias acordaron este fin de semana iniciar actuacións conxuntas e crear catro grupos de traballo para poñer en marcha o Consello Xeral, organismo que "protexerá os intereses" dos 7.044 xornalistas colexiados que xa existen nas diferentes comunidades autónomas.
A esta acción sumáronse os responsables das asociacións de xornalistas que están a impulsar a creación dos seus respectivos colexios en Navarra e Cantabria.
Segundo información da páxina web do Colexio Profesional de Xornalistas de Asturias, os representantes dos colexios de xornalistas incidiron en que a Lei 2/1974 do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais, determina no seu artigo 4º que "cando estean constituídos varios Colexios da mesma profesión de ámbito inferior ao nacional existirá un Consello Xeral", o que será posible grazas á promulgación da correspondente lei.
Do mesmo xeito, puxeron de relevo que a existencia deste Consello Xeral de Colexios de Xornalistas de España é "fundamental e necesario para articular e harmonizar as relacións entre os diferentes colexios", tendo entre as súas funcións "a regulación deontolóxica profesional".
Escribe o teu comentario