Os narcotraficantes detidos en Vigo e Padrón pertencen a un cártel colombiano

As detencións en Galicia producíronse cando transportaban a cocaína. Fontes da investigación negan a existencia dun piso franco en Vigo


|

Drogastraficodecomisomovildineronavajas


A organización internacional de traficantes de cocaína que pretendía establecerse en España e que foi desarticulada pola Policía Nacional pertencía ao cártel colombiano de Cúcuta e non tiña relación con ningún grupo galego.


Así o explicou aos medios o xefe da brigada central de estupefacientes, Ricardo Toro, quen sinalou que nesta operación contra o narcotráfico, na que foron detidas 24 persoas e da que se encargou o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo, incautáronse un total de 2.435 quilos de cocaína.


Por esta razón, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, cualificou esta operación como "importantísima", debido tanto á "cantidade" de drogada incautada como á "calidade" da investigación.


Os cárteles colombianos son os "principais provedores" de cocaína para o mercado europeo, segundo subliña o xefe da brigada central de estupefacientes, Ricardo Toro. "Desarticulamos dous grupos distintos de colombianos pertencentes ao cartel de Cúcuta", precisa Toro, quen engade, como "tema novo", que "os propios donos da mercadoría desprazáronse a España hai uns meses e estaban a xestionar eles mesmos a distribución desta cocaína".


Deste xeito, os donos da mercadoría non recorrían a "delegados", pois os españois detidos, ningún deles galegos, dedicábanse aos labores de transporte. Aínda que non hai ningún galego entre os detidos, as detencións producíronse en Galicia, Madrid, San Sebastián e Guadalaxara. En concreto, na Comunidade galega tiveron lugar en Vigo e Padrón (A Coruña), o que non quere dicir, remarcou, que os detidos estivesen establecidos nese punto, pois "desprazábanse con facilidade". De feito, as detencións en Galicia producíronse cando transportaban a cocaína.


"Estaban bastante repartidos. O seu labor era recoller esta droga que estaba almacenada en distintos puntos e, a través de coches caleteados, é dicir, cuns dobres fondos bastante ben construídos, distribuíla nunhas cantidades de 200 ou 300 quilos a distintas partes de España e Europa", sinalou Ricardo Toro.


PRACTICAMENTE DESARTICULADOS


A investigación comezou en xuño do ano pasado cando a droga xa estaba en terra, aínda que foi no último mes cando se intensificaron as investigacións. De todos os xeitos, a Policía Nacional sabe que estes dous grupos planeaban introducir a cocaína por vía marítima, nun dos casos a través do Porto de Barcelona.


Aínda que a operación aínda non está "pechada do todo", xa que podería haber algún outro detido, estes dous grupos están "practicamente desarticulados". Neste sentido, o xefe da brigada central de estupefacientes asegurou que, ata agora, non se detectou que o cártel de Cúcuta tivese negocios en España, polo que entende que este feito respondía a un "intento de asentarse en España".


Así mesmo, negou a existencia dun piso franco en Vigo e explicou que os xefes destes dous grupos alugaron algunhas vivendas e coches instaláronse provisionalmente coa idea de recibir droga e distribuíla. 

relacionada Golpe ao tráfico de drogas en Galicia con senllas detencións en Pontevedra e Lugo
relacionada Deteñen 20 persoas nunha "importantísima" operación antidrogas de Vigo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE