O Concello de Santiago achega 200.000 euros para reformar o campo de fútbol da USC
A xunta local desta semana tamén aprobou as bases do X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.
O goberno compostelán vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago para a reforma do campo de fútbol situado no Campus Vida, a través do cal o concello se compromete a achegar 200.000 euros e a USC os 50.000 restantes.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, informou na mañá deste venres sobre os acordos alcanzados na xunta de goberno local, entre os que se atopa o acondicionamento do campo da USC, que actualmente é usado para a práctica de fútbol e rugby.
Así, o Concello de Santiago achegará 200.000 euros e a USC 50.000 para a reforma da instalación deportiva, que permitirá o uso "de maneira bonificada ao 100%" para os equipos federados de fútbol e rugby do municipio.
Ademais, a xunta local desta semana tamén aprobou as bases do X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado polo consistorio santiagués xunto á editorial Kalandraka dentro da XVII Campaña de Animación á Lectura. O premio deste certame está dotado con 9.000 euros.
Por outra banda, o Concello de Santiago anunciou o seu adhesión ao programa 'Platea', iniciativa promovida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
A través deste convenio, o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia pasan a formar parte desta rede de espazos culturais e artísticos para o 2017.
Escribe o teu comentario