Máis dunha decena de graos da USC reducen as súas prazas para o próximo curso
No campus de Santiago terán menos prazas carreiras como Bioloxía, Educación Social ou Medicina; no de Lugo farano ADE ou Recursos Humanos.
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou este venres os límites de prazas para o curso 2017-2018 nas súas titulacións de grao.
En concreto, reducirán a súa oferta Bioloxía (pasa a 119) , Pedagoxía (68), Educación Social (68), Mestre en Educación Infantil (59), Mestre en Educación Primaria (110), Farmacia (195), Medicina (350), Óptica e Optometría (55), Química (100) e Historia da Arte (95).
En Lugo, farano Administración e Dirección de Empresas (90), Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (45), Relacións Laborais e Recursos Humanos (57) e Enxeñaría Civil (40), á vez que aumentan as súas prazas a modalidade semipresencial do grao en Ciencias dá Cultura e Difusión Cultura (ata 30).
DOBRES TITULACIÓNS
No que se refire aos dobres títulos, a USC ofertará o próximo ano en Santiago 20 prazas en Bioloxía e Química, Dereito e Relacións Laborais e no de Mestre en Educación Infantil e en Educación Primaria; e 10 prazas en Xornalismo e Comunicación Audiovisual; Física e Química; Enxeñaría Informática e Matemáticas; Matemáticas e Física; e no de Farmacia e Óptica e Optometría.
En Lugo, a oferta é de 10 prazas para Mestre en Educación Infantil e Primaria; Enxeñaría Civil e Enxeñaría Xeomática; Enxeñaría Agrícola e Alimentaria e Enxeñaría Forestal; e en Enxeñaría Civil e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.
O órgano de goberno tamén deu o visto e prace ao Acordo das universidades públicas galegas sobre os procedementos de admisión aos estudos oficiais de grao en 2017-2018, entre outros temas.
Escribe o teu comentario