A CIG outorga o Premio 8 de Marzo a María López pola súa actividade sindical en Mercadona
Tamén pola súa defensa da dignidade como traballadora e como nai recoñécese cunha mención especial o labor de Nélida Pisco.
// @galizaCIG
A CIG outorgou este venres o Premio 8 de Marzo a María López pola súa loita contra "os abusos laborais" en Mercadona nun acto celebrado en Santiago.
Así, a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, definiu a María López como "unha muller valente", pois "desde o inicio denunciou que Mercadona é unha empresa cun marcado carácter sectario, onde existe unha falta total de liberdade e onde predomina a cultura do medo".
María López padeceu desde 2010 durante preto de catro anos unha situación de "persecución constante", segundo apunta a CIG, pois deixaron de pagarlle a prima durante ese tempo, "e tentaron orquestrarlle un despedimento".
Corral definiuna como unha "muller tenaz", que "non dubidou en manter unha actividade sindical aberta e clara", e en plantar cara a "os abusos da dirección da empresa".
Tamén pola súa defensa da dignidade como traballadora e como nai recoñécese cunha mención especial o labor de Nélida Pisco. A súa loita nun sector tan masculinizado como o de transporte de viaxeiros xa recibiu o Premio 8 de marzo en 2011.
Escribe o teu comentario