O Goberno aproba este venres a prohibición de plantar patacas en 31 concellos

|

Patataalmacen


O Consello de Ministros prevé aprobar este venres o decreto polo que se prohibirá a plantación de patacas nos concellos --hai 31 afectados en Galicia, en Ferrolterra e A Mariña-- que conta con praga da couza guatemalteca.


Así o trasladou o director xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio a sindicatos agrarios na reunión mantida en Madrid con motivo da crise da pataca.


Diso informou o responsable de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González, quen se criticou "as carencias graves" deste decreto, que considera chega con atraso.


De tal forma, o Goberno contempla indemnizacións para aqueles que xa plantasen en municipios infestados pola couza e estean inscritos no rexistro aberto pola Xunta, pero Unións Agrarias censura que, en cambio, non as haberá por lucro cesante, o que tacha de "agravio comparativo para a xente que fixo as cousas ben".


"Non entendemos que aquelas persoas que fixeron ben as cousas, que seguiron os consellos que lles daban todos, incluída a Xunta, de que non plantasen patacas non se lles indemnice", lamentou José Ramón González, polo que esixe ao Goberno que "emende" esta cuestión e se axude a "todo o mundo" que se vexa prexudicado.


30 CÉNTIMOS POR QUILO SEMENTADO


En concreto, as patacas plantadas en zonas coa praga serán arrincadas por técnicos e procederase á súa destrución de forma segura, mentres non se permitirá plantar nese lugar durante dous anos. De tal forma, haberá axudas de ao redor de 30 céntimos por quilo sementado.


Para resolver esta problemática Unións Agrarias reclama que se poña en marcha unha mesa de seguimento sectorial para abordar todas as implicacións sobre a praga e "ter todos a mesma información".


"ESPERANZAS" PARA A ERRADICACIÓN EN DOUS ANOS


Con todo, mostra as súas "esperanzas" en que estas medidas, unido a extremar o control en almacenistas e tansportistas, sexan efectivas, de forma que se poida erradicar a couza guatemalteca de Galicia nos dous próximos anos, de maneira que non chegue ás zonas produtoras da Limia e Bergantiños, dado que ata a data só está presente en zonas de autconsumo.


E é que "de non ser así, pecharíase a saída" de pataca galega á UE, o que supoñería a "ruína total" para o sector produtor, debido ao elevado número deste produto certificado que se vende en Portugal.


Unións Agrarias quéixase de que como a praga non chegou a zonas produtoras Xunta e Goberno usan "ese argumento" para dicir que "como non hai interese económico" non se indemniza por lucro cesante.


Sobre este extremo, pon o caso de: "Se eu son almacenista e teño 10.000 euros (de pataca) nun camión inmobilizado que fago? quen mo vai recoller? canto teño que perder?".


MÁIS DE 200 MILLÓNS DE QUILOS E 1.000 AGRICULTORES


Segundo as estimacións de UU.AA., a comercialización de pataca de produtores certificados supón uns 210 millóns de quilos --máis outros 200 millóns en Galicia para autoconsumo--, cuns 1.000 agricultores profesionais "que viven fundamentalmente" deste produto.


Tamén fai fincapé José Ramón González en lembrar ao consumidor que non existe ningún tipo de problema de saúde pública, senón que tan só é de sanidade vexetal.


Precisamente, lamenta que o orzamento da Xunta para sanidade vexetal "siga sendo de 100.000 euros", pois considera que debe incrementar as súas partidas e atención a esta problemática. Ademais, esixe ao Goberno galego que actúe con "axilidade e rapidez", posto que a Consellería do Medio Rural "vai en terceira e ten que meter a quinta".


En base ás previsións do Goberno transmitidas aos sindicatos, tras a aprobación no Consello do Ministros, a orde publicaríase entre o sábado e o luns no BOE.

relacionada Ourense pide á Xunta non esperar ás medidas que ordene Madrid contra a praga da pataca
relacionada Con medidas estritas a praga da pataca erradicarase "nun ano"
relacionada Sospeitan que a praga da pataca chegou a Galicia desde Canarias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress