"Rosalía foi capaz ela soa de escribir o relato fundador dos galegos"
Escritores en lingua galega apostan por declarar o 24F como día escolar de Rosalía.
O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Casáreo Sánchez Iglesias, apostou este venres porque o Parlamento de Galicia declare de forma oficial este 24 de febreiro como día escolar de Rosalía de Castro.
Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Cesáreo Sánchez aplaudiu a "vixencia" da escritora entre as novas xeracións e o apoio de entidades e institucións para homenaxear á autora no día do seu nacemento, unha data que se "está consolidando".
"Case 60 concellos declararon hoxe o Día de Rosalía e están a celebrar actos. Os máis novos están a facer gravacións de poemas cos seus móbiles, facendo selfies coas novas tecnoloxías que incorporan. Celebramos a Rosalía e celebramos a enorme, inmensa cultura que temos a sorte de ter os galegos", apuntou.
Para Cesáreo Sánchez, "Rosalía nunca estivo tan viva para as novas xeracións", algo que atribúe a que as súas obras "van ao centro de gravidade do ser humano". "Rosalía foi capaz ela soa de escribir o relato fundador dos galegos. Deunos un nome e rescatounos do anonimato da historia", resumiu
O presidente da AELG aproveitou a data para reivindicar "máis presupostos" para a cultura galega e unha consellería "segregada" da de Educación, á vez que lamentou que o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, "non sexa libre".
Escribe o teu comentario