Padrón celebra o Día de Rosalía cun 'Caldo de Gloria'
En 'Miña casiña, meu lar', a autora explica como facer un caldo humilde, no que se inspira esta homenaxe á poeta no seu 180 aniversario.
Todos os locais de hostalería de Padrón (A Coruña) celebrarán este 24 de febreiro, Día de Rosalía, coa elaboración do 'Caldo de Gloria', inspirado no poema 'Miña casiña, meu lar' da autora galega, no que explica como facer un caldo humilde.
A Fundación Rosalía promove esta iniciativa incluída nas actividades previstas para a data na que se cumpren 180 anos do nacemento da poeta.
Este venres está programado unha homenaxe na estatua da autora na Alameda compostelá, que este ano cumpre 100 anos. Posteriormente terá lugar un acto no Hostal dos Reis Católicos, onde se bautizou Rosalía hai 180 anos.
CALDO DE GLORIA
Xa en Padrón terá lugar unha homenaxe na estatua de Rosalía no Espolón, con lectura de poemas por parte de escolares. A continuación, farase un percorrido polas rúas da localidade, onde se poderá degustar o 'Caldo de Gloria'.
Pola tarde, a partir das 19,00 horas, proxectarase a curtametraxe 'Unha muller que pasa-Silencio', de Paco Galego e Xosé Bocixa, gañadora de Curtas para Rosalía 2016, e o grupo galego-belga de pantereteiras Ialma ofrecerá un concerto.
Tamén na casa de Rosalía poderá degustarse o 'Caldo de Gloria', que prepararán Benigno Campos e Merchi Rodal, os cociñeiros do programa da TVG 'Larpeiros'.
Escribe o teu comentario