Polémico novo ascenso de Eloína Núñez na sanidade galega
A curmá de Feijóo e ata agora xerente xeral do Complexo Hospitalario de Ourense pasa a encargarse do Complexo Hospitalario compostelán, primeiro centro de referencia da sanidade galega.
Este mércores facíase público algún movemento nas xerencias dos principais hospitais galegos que situaban ao ata agora encargado do CHUAC, Francisco José Vilanova, fóra do mapa, cuxo substituto é o que fora xerente do CHUS, Luís Verde. Ao día seguinte coñeciamos a panorámica ao completo: entre os movementos máis destacados estaba o ascenso da ata agora xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, Eloína Nuñez, que pasa a encargarse do CHUS, o centro de referencia da sanidade galega. Con todo, o ascenso en prestixio non leva un aumento de soldo, que será exactamente o que xa cobraba en Ourense: 96.648 euros brutos anuais.
Este movemento resulta sospeitoso non só porque se trate da curmá do presidente Feijóo, senón porque Eloína é unha figura cada vez máis contestada na contorna do CHUO, despois de que este nadal se reportasen numerosos casos de colapsos nas urxencias que foron atribuídas pola comisión do centro á "incompetencia" da xerencia.
Concretamente, no pleno parlamentario do mes de decembro, Vázquez Almuíña foi preguntado respecto deste tema polo PSdeG, e En Marea trasladou outra vez a controvertida cuestión a través de Eva Solla. Nesta ocasión apuntábase directamente á curmá do presidente como culpable da situación das urxencias ourensás, aludindo a "queixas" dos profesionais deste servizo polas "malas condicións" desta área así como pola "deficiente xestión" da responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez.
En xaneiro deste ano, o persoal do centro denunciou tamén a conversión de habitacións individuais de oncoloxía e paliativos en salas de urxencias, con varios pacientes hacinados. O Sergas admitiu o feitos pero achacándoos á epidemia de gripe, argumento que os traballadores rexeitan dada a previsibilidade desta efímere anual. "Non é a gripe, son os recortes", dicían.
O diario Público faise eco na súa versión dixital das reaccións por parte da Plataforma Galega de Defensa da Sanidade Pública ante o novo nomeamento: "Chama a atención que a unha persoa que tivo unha xestión tan negativa se lle dea un posto así. O único mérito que lle podemos entender é que sexa familia de alguén".
O mesmo diario traslada que o sentimento de rexeitamento ante o ascenso de Eloína é extensible ao BNG, que pediu en numerosas ocasións a súa dimisión "por ineficiente" e que ve este movemento de Feijóo como unha demostración da "fase de auténtica soberbia na que se instalou o goberno do PP" e incide en que o nepotismo é "non só biolóxico senón ideolóxico", pois "prémiase ás persoas que aplican máis fielmente o plan de desmantelamento da sanidade pública".
Escribe o teu comentario