Bruxelas ve insuficientes as medidas de España para combater a corrupción
No seu informe, sinala que non se puxeron en marcha estratexias preventivas concretas e tampouco se resolveron as deficiencias atopadas o ano pasado.
A Comisión Europea considera insuficientes as medias adoptadas por España para combater a corrupción e criticou o feito de que non se desenvolveu unha estratexia concreta para mitigar os riscos malia o aumento das investigacións sobre casos de corrupción tanto a nivel municipal como autonómico.
O informe sobre desequilibrios macroeconómicos publicado este mércores polo Executivo comunitario destaca os progresos de España ao aprobar leis sobre transparencia de financiamento de partidos, conflitos de interese e declaración de patrimonio.
Con todo, engade que non se puxeron en marcha estratexias preventivas concretas para mitigar os riscos de corrupción, nin a nivel de administración central nin a través dunha estratexia compartida entre os distintos niveis de goberno, a pesar do incremento de casos tanto a nivel local como rexional.
Ademais, critica que España non resolveu algunhas das deficiencias identificadas no informe do ano pasado, como a ausencia dunha normativa que protexa aos denunciantes de infraccións, aumentar o grao de independencia da Oficina de Conflito de Intereses ou a carencia dunha regulación sobre grupos de presión.
REXISTRO DE GRUPOS DE PRESIÓN
Neste sentido, Bruxelas lembra que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) creou en 2016 un rexistro voluntario de grupos de presión que, ata a data, recolle un total de 300 empresas. Con todo, o estudo denuncia que as sociedades máis grandes están "infrarrepresentadas".
Por último, a Comisión Europea critica os procesos xudiciais "prolongados" en casos de corrupción e a reforma do Goberno de 2015 para reducir os prazos, posto que "podería provocar impunidade en casos complexos".
Escribe o teu comentario