Os corpos dos dous falecidos en Redondela acháronse "agarrados"

Presuntamente, el agarrouna para que non escapase | Villanueva confirma que si houbo unha chamada previa, supostamente do home á súa ex parella | Morreron por choque térmico e intoxicación.


|

Concentracionparlamentominutosilencioviolenciamachista


Os investigadores analizan "todos os datos" que se foron solicitando en relación co crime machista de Redondela, mediante a recollida de testemuños e a través da correspondente autopsia, para tratar de reconstruír os feitos, segundo destacou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.


En declaracións aos xornalistas tras participar no minuto de silencio de condena fronte ao complexo administrativo de San Caetano, Villanueva sinalou que os corpos do home e a muller atopáronse "agarrados" --supostamente el agarrouna a ela para impedir que abandonase a vivenda-- despois da explosión rexistrada "como consecuencia de manipulación de butano cun acelerante".


Ademais, agregou que "parece ser que si hai esa chamada" previa, segundo a información da que dispoñen as forzas e corpos de seguridade, e que "non hai outro indicio doutro tipo de violencia salvo a explosión e consecuente deflagración".


O delegado do Goberno condenou este novo acto que cualificou "de violencia machista" e chamou a concienciar a familiares e vítimas da necesidade de denunciar "cando haxa calquera indicio". "É unha cousa de todos, todos temos que traballalo para erradicalo", aseverou.


Segundo subliñou Villanueva, "calquera ameaza debe ser considerada dunha forma importante e non deixalo e dicir "non pasa nada". "Sempre se debe denunciar. Todos os que esteamos ao redor", reiterou.


TRES ORFOS


Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, lamentou que o crime deixa tres orfos, dous fillos maiores de idade e un pequeno de oito anos, do que se encargou "neste momento" un familiar "moi próximo" ao mozo, ademais de contar con atención psicolóxica.


López Abella apuntou que lle consta que o Concello "está involucrado" neste caso e pola súa banda a Xunta activou o protocolo para apoiar a toda a familia "e por suposto ao pequeno, que é consciente loxicamente desta situación".


A responsable de Igualdade volveu a facer un chamamento "porque é terrible o que está a acontecer en Galicia e no resto do estado". "Temos que esforzarnos e seguiremos sen descanso mellorando todos os protocolos de actuación e os recursos a disposición das mulleres para que, por favor, dean o paso de denunciar", resaltou.


Neste sentido, reclamou "que non se tomen 'á lixeira' as ameazas que se converten nunha realidade terrible", como ocorreu na localidade pontevedresa este luns.


AUTOPSIA


A autopsia practicada aos corpos da muller e o home falecidos o pasado luns tras unha explosión e posterior incendio supostamente provocados por el nunha vivenda de Chapela, en Redondela (Pontevedra), revela que ambos morreron por choque térmico e intoxicación.

relacionada Chapela concéntrase en repulsa polo crime machista
relacionada O autor da detonación de Redondela "tiña todo preparado para a explosión mortal"
relacionada Morre unha muller e a súa ex parella nunha explosión de gas butano en Redondela

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE