Evacúan en helicóptero a condutora do coche que caeu ao mar en Muros
O outro ocupante, seu pai, faleceu no lugar dos feitos e non puido ser reanimado.
Imaxe dun rescate simiar en novembro.
A persoa que conducía o vehículo que na mañá deste venres se precipitou á auga no porto coruñés de Muros foi evacuada nun helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), mentres que o seu acompañante, o seu pai, faleceu no lugar dos feitos.
Así o confirmou a Europa Press a alcaldesa da localidade, María Xosé Alfonso Torres, quen relatou que o pai da condutora morreu tras unha hora de reanimación por parte de persoal de emerxencias logo de ser rescatado da auga.
Mentres, segundo indicaron fontes sanitarias, a outra persoa rescatada, filla do falecido e condutora do vehículo accidentado, foi levada ao CHUS no helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Os feitos sucederon sobre as 10,00 horas, cando o GES de Muros informou ao 112 Galicia da caída dun vehículo á auga con dúas persoas dentro na dársena do porto de Muros.
Por iso foron mobilizados tamén os Bombeiros de Cee, a Policía Local e o 061, que desprazou ao lugar unha ambulancia asistencial e un médico de Atención Primaria. Así mesmo, acudiu o helicóptero medicalizado con base en Santiago.
"NON SE SABE QUE PASOU"
A alcaldesa de Muros relatou que o vehículo se precipitou á auga nunha zona onde hai un valado, que tirou o turismo antes de caerse ao mar.
"Non se sabe que pasou", afirmou a alcaldesa de Muros, quen indicou que no operativo participaron a Policía Local, GES de Muros e Garda Civil, ademais do 061. "Entre todos sacáronos do coche", abundou.
Escribe o teu comentario