O Celta sairá a apropiarse do balón e a facer algún gol
Berizzo destaca que o equipo "logrou o respecto dos rivais" e cre que no Calderón se viu que están recuperados da derrota de Copa.
O Celta ten este xoves a oportunidade de desquitarse tras unha semana para esquecer. Balaídos recibe o Shakhtar Donetsk para a primeira eliminatoria de Europa League, onde os celestes tentarán colleitar un resultado positivo que levar á volta que se disputará en Ucraína.
Berizzo espera "un equipo moi ben preparado, que se coñece, que xoga moi ben, con xente de ataque moi rápida, moi técnica, moi perigosa". Para facerlles fronte, "o plan do partido pasa por apropiarnos da pelota, atacar e marcar goles", aínda que recoñece que "non encaixar sería unha noticia a favor".
Consciente do que "o resultado do primeiro partido sempre condiciona o plan do segundo", o adestrador considera que "non nos debemos expoñer a un rival que a cada perda transforma iso nunha autoestrada cara á túa portería".
Sobre a confianza da plantilla, Berizzo cre que a resposta do conxunto no Calderón é "o síntoma máis evidente de que somos un equipo que se recupera e transforma esa derrota na enerxía necesaria para volver gañar".
Tamén Gustavo Cabral aposta por sacar un bo resultado, que os "deixaría moi ben de ánimo para encarar a volta en Ucraína". Segundo o xogador, o ambiente que reina no vestiario é que "somos privilexiados por participar nesta competición".
Sobre as aspiracións celetes, Berizzo declarou que "a cidade está moi pendente do que nós podemos facer porque os xogadores fixeron á xente crer no seu xogo". Para profundar en que "o equipo logrou o respecto dos rivais non só a nivel resultados, senon nunha maneira propia de xogar. Iso é un capital que temos como equipo e que é difícil de lograr: que che respecten".
Escribe o teu comentario