O Shakthar Donetsk xa está en Vigo para a eliminatoria de Europa League
O conxunto ucraíno chega desde Portugal, onde aproveitou para aclimatarse e disputou nove amigables nunha especie de pretemporada invernal.
Reinícianse as competicións europeas e o Celta xa ten en Vigo a expedición ucraína do Shakhtar Donetsk desde este mediodía. Esta tarde adestraranse en Balaídos tras a rolda de prensa da UEFA, para preparar o partido deste xoves.
Os ucraínos chegan aclimatados a estas latitudes, pois veñen de completar en Portugal unha especie de pretemporada invernal na que disputaron nove encontros amigables.
O Shakthar foi o mellor equipo da fase de grupos da Europa League e lidera con tranquilidade a liga do seu país. O técnico só terá unha baixa, por acumulación de amoestacións, ante o Celta: a do medio centro Taras Stepanenko.
Para a volta, en Ucraína a próxima semana, xa se venderon 20.000 entradas. "O partido contra o Celta xerou un gran balbordo en Járkov. 20.000 entradas vendidas xa!", anunciou o club a través da súa conta de Twitter. Será o primeiro partido que o equipo dispute no estadio Metalist de Járkov, que acollerá os seus encontros deste 2017.
Escribe o teu comentario