A pesar das broncas, Carmen Santos di que "non hai partes" no grupo de En Marea
Tralo cruzamento de reproches en Twitter cun militante de Anova, a líder de Podemos Galicia non ve "risco de ruptura" como pasou con AGE.
A secretaria xeral de Podemos e deputada de En Marea, Carmen Santos, asegurou que "non hai ningunha bronca" no partido instrumental, cuxo grupo parlamentario deixou claro que "defende con uñas e dentes".
Así se pronunciou a líder de Podemos Galicia nunha entrevista concedida á Cadena Ser, recollida Europa Press, na que se mostrou "sorprendida" polas interpretacións "do que pasa en En Marea ou en Podemos". Non ve "risco de ruptura" no grupo parlamentario.
Deste xeito, despois de que esta protagonizase unha enganchada en Twitter cun militante de Anova, Antón Dobao, Santos recoñeceu que, con todo, os membros do partido instrumental, coma ela mesma, deben "ter máis coidado" xa que desde fóra os debates "poden parecer distintos".
Neste sentido, asegurou que no Grupo Parlamentario de En Marea "non hai partes". "Nós aceptamos participar nun partido instrumental no que todos os membros representamos o programa que imos defender con igualdade", manifestou. "Outra cousa", explicou, son as organizacións políticas que "traballan á marxe" pero "no grupo parlamentario" todos son deputados de En Marea.
Por iso, considerou necesario "diferenciar" o que son os partidos co que é o grupo parlamentario. "Síntome totalmente parlamentaria de En Marea, defendo con uñas e dentes ese grupo", explicou para aclarar que cando asegurou que ela milita en Podemos Galicia foi porque lle "estaban preguntando sobre a disolución de Podemos nun partido que non fose instrumental".
"Eu, o que quería dicir, é que a dobre militancia no partido que pode ser En Marea, evidentemente, eu non a podo ter sendo secretaría xeral de Podemos Galicia porque consideramos que son partidos distintos e que teñen que traballar en espazos de unidade conxuntamente e presentándose conxuntamente ás eleccións na forma que establezan as bases", subliñou.
Escribe o teu comentario