A construción da intermodal de Ourense xa ten datas "concretas"

A primeira fase das obras licitarase este mesmo ano, pero de momento aínda non se sabe canto custará a estación.


|

Intermodalourense


A Xunta, o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento acordaron a tramitación urbanística conxunta da estación intermodal da cidade co obxectivo de licitar a primeira fase das obras este mesmo ano.


Así o destaca a Consellería de Infraestruturas nun comunicado de prensa emitido tras a primeira reunión da comisión de seguimento do convenio para impulsar a intermodal de Ourense, celebrada este luns en Madrid. En concreto, déronse cita a conselleira Ethel Vázquez, o alcalde ourenseno, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, e representantes de ADIF.


Segundo o departamento, "xa están ratificados o acordo alcanzado polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta e o cronograma para seguir para tramitar urbanisticamente as estacións intermodais como un proxecto conxunto a través da lei 3/2016, aprobada para o impulso de infraestruturas de especial interese público".


"DESBLOQUEO DO PROXECTO GLOBAL"


A titular de Infraestruturas, que, xunto a Vázquez e a Niño fixo declaracións ao termo do encontro, explicou que "se está ultimando a redacción do proxecto básico da terminal e xa se adxudicou o do aparcadoiro".


Por iso, segundo proseguiu, "nas próximas semanas comezará a tramitación para desbloquear urbanisticamente o proxecto global e o conxunto da futura intermodal, incluíndo os servizos de ferrocarril, de autobús, a pasarela, o viario, a praza humanizada sobre vías e o parking".


A estación intermodal de Ourense integrará as terminais de ferrocarril e a de autobuses no mesmo espazo, "constituíndo o principal nó de comunicación de viaxeiros de toda a provincia, facilitando os desprazamentos tanto aos veciños da cidade como do resto de concellos", segundo resalta a consellería.


Ethel Vázquez sinalou que a citada infraestrutura "incidirá positivamente" na contorna que a acollerá, ao "superar a barreira que as vías supuxeron na división dos barrios da Ponte e O Vinteún", ademais de que achegará unhas 300 prazas de aparcadoiro, algo "moi necesario" no barrio.


O COMPROMISO COA CIDADE "AVANZA"


Pola súa banda, o alcalde valorou que "por primeira vez" hai "xa" unhas datas "concretas" para a intermodal. É, ao seu xuízo, "unha proba" de que o compromiso adquirido polo estado e pola Xunta con respecto á cidade "avanza".


O rexedor afirmou estar así "en condición de dicir que moi proximamente se poderá dispoñer desa macroinfraesetructura", cun investimento "moi importante", aínda sen pechar a cuantificación pero, "en calquera caso", de carácter millonario.


INICIO DAS OBRAS EN 2018


Pola súa banda, o secretario xeral de Infraestruturas resaltou que o propósito é "ter un proxecto o próximo mes de maio", para poder "impulsar a tramitación ambiental deste conxunto e que todo iso poida permitir que as obras poidan iniciarse no ano 2018".


Preguntado pola data para a finalización das actuacións, limitouse a dicir que será "compatible" coa fixada para a chegada do AVE a Galicia.


Ademais, expuxo que "ao longo deste ano Adif vai realizar a licitación das obras de adaptación das vías da estación de Ourense para recuperar uns espazos que son necesarios para que a Xunta poida facer a estación de autobuses".


"Houbo un acordo e puidemos fixar a folla de ruta, dunha maneira ordenada e axudándonos, para que Ourense teña a estación que se merece", finalizou.

relacionada En Marea critica que o AVE de Ourense teña "12 curvas como a de Angrois"
relacionada Malestar e desconfianza en Galicia polo novo atraso do AVE
relacionada Jesús Vázquez augura dous anos máis de ruxerruxes sobre unha moción de censura
relacionada Fomento atrasa a chegada do AVE a Galicia ata verán de 2019

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE