Jesús Vázquez augura dous anos máis de ruxerruxes sobre unha moción de censura
O alcalde de Ourense di ser consciente de que goberna "con 10 de 27" edís, pero reprocha que Jácome "fai dano á propia cidade".
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, opinou que non cre que se deixe "de falar de moción de censura" contra o seu goberno no Consistorio ourensán "nos dous anos que quedan" antes das municipais de 2019.
Así o indicou o rexedor ourensán nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press logo dunha semana na que se volveu barallar a posibilidade de que a oposición presentase unha moción de censura contra o PP, que goberna a Cidade das Burgas en minoría, finalmente descartada polos grupos socialistas e de Ourense en Común polas súas reticencias para converter a Gonzálo Pérez Jácome en alcalde da cidade.
"Todos somos conscientes de que gobernamos con dez de 27. Estamos a tratar de chegar a puntos de encontro, que os houbo e hainos, independente do papel político que non comparto e que moitas veces é difícil de entender, pero que ás veces se xoga e é o que se está a facer desde a oposición", manifestou.
"Quedan dous anos para as eleccións e dubido que en cada un dos plenos que quedan deixemos a palabra moción", indicou Vázquez, quen vaticinou que a Corporación municipal "seguirá" vivindo "a mesma tónica" de "obstaculizar" e "impedir" que "se poidan desenvolver proxectos nesta cidade".
"Hai unha persoa que o seu obxectivo non é defender esta cidade", incidiu o rexedor, en clara alusión Gonzálo Pérez Jacóme, líder de Democracia Ourensana, do que Vázquez opina que "conseguiu arrastrar outros grupos" e que "fai dano á propia cidade".
Para o exconselleiro de Cultura da Xunta, Democracia Ourensana practica unha política de "confrontación" e que, mesmo, "provoca e insulta dunha maneira terrible", o que deixa un clima de "inestabilidade" na cidade que pon "na corda frouxa" algúns investimentos de "institucións privadas" ás que esta situación "non lles gusta".
"Dentro de dous anos a cidade volverá falar. Déronse unhas circunstancias complexas hai ano e medio e os partidos tradicionais pagamos as consecuencias; probablemente porque o mereciamos ou fixemos algunhas cousas mal. E seguímolo facendo, todos cometemos erros; pero creo que hai situacións que non son comprensibles", manifestou.
CHEGADA DO AVE E ESTACIÓN
En relación á chegada do AVE a Ourense e a posibilidade de que finalmente non se constrúa a variante proxectada --como apuntou hai unhas semanas o ministro de Fomento, Íñigo De la Serna--, Vázquez confía que o ano 2017 sirva para "despexar todo tipo de dúbidas" respecto diso.
"Non renunciaremos á variante, á chegada do AVE a esta cidade nunhas condicións óptimas, independentemente de se nos gustaría que chegase canto antes", asegurou.
Nesta liña, tras lembrar que a liña A Coruña-Santiago-Ourense incrementou o seu número de viaxeiros "nun 48 por cento" o pasado ano, Vázquez incidiu en que a chegada do AVE á cidade tería "un efecto positivo" sobre o turismo, á vez que prometeu que "Ourense terá unha estación singular de deseño que será magnífica".
Escribe o teu comentario