Democracia Ourensana tramita unha moción de censura sen apoio da oposición
Pérez Jácome argumenta que toma esta decisión para que "os cidadáns teñan claro" quen rexeita desaloxar o PP do Goberno da cidade.
O líder de Democracia Ourensana (D.O.), Gonzalo Pérez Jácome, confirmou este martes que a súa formación iniciará a próxima semana o protocolo para presentar unha moción de censura contra o alcalde da cidade, Jesús Vázquez (PP), a pesar de ser consciente de que os partidos da oposición "non se van sumar".
Así o manifestou despois de cualificar como un "suicidio político" a negativa da Executiva local do PSOE a apoiar unha moción de censura conxunta con D.O., en base a que un pacto entre ambas as forzas non ofrece "as condicións políticas para unha alternativa de esquerdas".
A Executiva local socialista, reunida a última hora deste luns, confirmou o seu rexeitamento ao documento elaborado polos tres grupos da oposición para impulsar unha moción de censura e cominaba a formación de Pérez Jácome a "apoiar á esquerda" se quere un cambio na cidade.
A pesar desta negativa, o líder de D.O. confirmou que a próxima semana a súa formación "iniciará o protocolo necesario para facer unha moción de censura". O documento estará asinado polos oito concelleiros de D.O. e enviarase unha notificación a OUeC e ao PSOE para que se sumen, "aínda que non o van facer", sinalou o Pérez Jácome, cuxo obxectivo con esta decisión é que "os cidadáns teñan claro" quen rexeita desaloxar o PP do Goberno da cidade.
"ODIOS PERSOAIS"
O líder de D.O. considerou que a falta de apoio da Executiva local do PSOE a unha moción de censura conxunta partiu de "xente que antepon os seus odios persoais aos intereses do partido". Neste sentido, sinalou ao portavoz municipal Angel Vázquez Barqueiro e á secretaria local, Carmen Rodríguez Dacosta, aos que cualificou como "cadáveres políticos" que "están aí para esnaquizar o PSOE".
Así, Pérez Jácome augurou que nas próximas eleccións municipais o electorado socialista "que non quere un goberno do PP" castigará os socialistas "que non van pasar de tres concelleiros".
A pesar da negativa actual do PSOE, o líder de DO considera que aínda quedan posibilidades para desaloxar o PP do Goberno da cidade, a partir do 17 de outubro, cando o PSOE municipal reelixa os membros da súa executiva.
Pola súa banda o portavoz de OUeC, Martiño Xosé Vázquez, considerou que a negativa socialista a realizar unha moción de censura conxunta con DO demostra que esta formación "non conta coa credibilidade e confianza para presidir un goberno de Ourense".
Neste sentido insistiu en que a súa formación "non fará nunca alcalde a Jácome", ao que situou no ronsel ideolóxico de Donald Trump e do que criticou que "o seu único obxectivo é alcanzar o poder, sen un proxecto político sólido".
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mostrou o seu "total respecto" á decisión tomada polos partidos da oposición. Tamén confirmou estar "disposto" a chegar a "puntos de encontro" co resto das forzas políticas para materializar algunha das propostas que aparecen no documento previo realizado polas tres forzas da oposición.
"Se hai proxectos de futuro realistas estamos dispostos a traballar desde o primeiro ata o último", dixo o alcalde, que se mostrou aberto a "as opcións que presente calquera grupo" da oposición "se son realistas, hai fondos e o Plan Xeral de Ordenación Urbana o permite".
PROCURA DUN ACORDO
O pasado mes de novembro D.O. convidaba a PSOE e Ourense en Común a reunirse para elaborar un documento que servise para sentar as bases dun posible cambio de goberno na cidade. Tras a redacción do documento as tres forzas aprobaron consultar coas súas bases os seguintes pasos a realizar.
A finais de decembro a asemblea de Ourense en Común desmarcábase deste preacordo e da posibilidade de apoiar unha moción de censura "a pesar de que o 61% das propostas procedían do programa desta formación". Este luns foi a Executiva local do PSOE a que rexeitou impulsar unha moción de censura e un goberno conxunto con Democracia Ourensana.
Escribe o teu comentario