Galería METRO inaugura 'Horizonte de Sucesos', de Arantza Pardo
A coruñesa presenta a súa obra máis recente este venres ás 20,00 horas na galería compostelá.
Mañá venres 10 de febreiro ás 20,00 horas Galería METRO presenta a exposición Horizonte de Sucesos de Arantza Pardo (A Coruña, 1991), o traballo máis recente dunha nova artista que "concibe a pintura como un continuo proceso de procura, mediante o cal é posible plasmar todo aquilo visualmente inaccesible".
"Existe un punto nos buracos negros a partir do cal nada pode escapar á súa atracción. A esa fronteira, a ese punto de non retorno, coñéceselle como 'horizonte de sucesos', máis aló do cal non sabemos absolutamente nada do que sucede".
Esta mostra, composta por unha serie de pinturas de medio e gran formato, co negro e o branco como colorees protagonistas, é unha viaxe poética ao gran misterio do cosmos, á materia, á enerxía escura, aos buracos negros, brancos ou de verme, a todo aquilo que non é perceptible aos nosos ollos e que tanta fascinación xerou ao ser humano ao longo dos tempos.
Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e na actualidade cursando Master de Pintura na Universidade do Porto, Arantza Pardo foi premiada e seleccionada en numerosos certames de arte e as súas obras xa forman parte de importantes coleccións públicas e privadas.
Escribe o teu comentario