Pataca de Galicia admite "preocupación" por se a praga chega a zonas produtoras

A IXP confía nas medidas que se van tomar para que non se estenda desde as zonas de autoconsumo a Bergantiños e A Limia.


|

Patacasnovas


O presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, Julio Gómez, admitiu que "hai preocupación" sobre se a praga de polilla guatemalteca ('Tecia solanivora') que afecta á pataca en 31 municipios galegos se estende ás principais zonas produtoras de Bergantiños e A Limia.


O presidente da IXP de Pataca de Galicia reuniuse en Santiago coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, así como con diversos técnicos da Consellería para coordinar actuacións co fin de frear a praga.


Tras a reunión, Julio Gómez sinalou que por agora non hai ningún produtor amparado por esta indicación xeográfica protexida que estea afectado, pois só alcanza zonas de autoconsumo de Ferrolterra e A Mariña luguesa.


Así, o responsable de Pataca de Galicia cre que con "as medidas que se van tomar e toma" a Consellería do Medio Rural "vai solucionar o problema". Na actualidade, os 67 agricultores amparados por esta IXP producen uns seis millóns de quilos ao ano.


"TRANQUILIDADE"


Pola súa banda, Belén do Campo quixo trasladar "tranquilidade" aos produtores das principais zonas produtoras de Galicia, xa que todas as plantacións afectadas se atopan en zonas de autoconsumo.


Ademais, avanzou que proximamente se convocará aos produtores das zonas da Limia e Bergantiños a unha reunión informativa para avanzar no control da praga, mentres apela á responsabilidade de municipios afectados para que non planten patacas, xa que esas producións serán levantadas.


Desde a aparición da praga en Galicia en 2015, a Xunta informa de que colocaron trampas para capturar este insecto e aplicáronse métodos sanitarios, mentres se aposta pola destrución de lotes de patacas contaminadas, así como polo control da mobilidade dos tubérculos.


Todo iso, á espera de que o Ministerio de Agricultura publique proximamente o decreto que coordine as tarefas de loita contra esta praga en toda España, no cal se prohibirá a plantación en zonas afectadas.


FALLOS NA CADEA DE CONTROL


A respecto da actuación estatal, En Marea pediu a comparecencia da ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, para que informe "canto antes" as medidas de carácter urxente a aplicar para frear a extensión da praga da pataca, coñecida como polilla guatemalteca.


Ante esta praga que afecta xa 31 municipios galegos de Ferrolterra e A Mariña, así como a algún de Asturias, En Marea pediu á ministra que explique cal foi a orixe da introdución das sementes afectadas.


"É necesario preguntarse se fallaron os mecanismos de control, inspección e vixilancia, nos que a Administración central ten competencias", manifestou a deputada Alexandra Fernández, que considera "evidente" que "houbo fallos" na cadea de control e inspección.


Por iso, a parlamentaria na Cámara baixa lamentou que o Goberno estatal estea "a actuar tarde" ante este "grave problema" que afecta a un cultivo "importante en Galicia". "Desde 2015 en lugar de parar a praga, estendeuse e, agora, atopámonos con 31 municipios de Ferrolterra e A Mariña afectados", lamentou para urxir ao Ministerio que "axilice" o real decreto que elabora e que "debe partir do diálogo coa Xunta e o Principado de Asturias, cos afectados, expertos e sindicatos".

relacionada Buscan delimitar a zona afectada pola praga da pataca para "protexer" zonas produtoras
relacionada Prohibido plantar patacas no norte de Galicia para erradicar unha praga

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE