Traxedia na Coruña: morre un neno de dous anos nun accidente doméstico na rúa Anxo Senra
Os feitos ocorreron durante a noite do domingo e as primeiras investigacións apuntan a que puido enredar de maneira accidental cos tiradores dun estor.
Un neno, duns dous anos de idade, faleceu nun accidente rexistrado na noite do domingo nun domicilio da rúa Anxo Senra da cidade da Coruña.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, un veciño chamou ás 23,20 horas para alertar de que o menor non reaccionaba. Pola súa banda, fontes consultadas por Europa Press sinalaron que o menor ten uns dous anos de idade.
Tras recibir a alerta, o CIAE 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como á Policía Nacional, Autonómica e Local.
Unha vez no lugar, os servizos de emerxencias confirmaron o falecemento do menor. A policía investiga os feitos, aínda que todo indica que puido enredar cos tiradores dun estor.
Ademais, para ofrecer apoio especializado aos familiares, activouse ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Escribe o teu comentario