As forzas políticas galegas apostan por unha "solución política" para Cataluña

A raíz do xuízo a Artur Mas pola consulta do 9N, reprochan a "incapacidade" española para afrontar o desafío.


|

Villaresleiceagaponton


O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, cualificou de "erro político de primeira magnitude" o xuízo no Tribunal Superior de Xustiza Catalán (TSJC) ao expresidente da Generalitat Artur Mas e ás ex conselleiras Joana Ortega e Irene Rigau pola consulta do 9 de novembro.


En declaracións aos medios antes do pleno que este luns acolle o Parlamento de Galicia, o ex maxistrado lugués considerou que "nunha democracia avanzada non se debería perseguir a aqueles que buscan darlle voz á xente".


"Cremos que os problemas políticos deben ter unha solución política e, desde logo, xudicializar e perseguir a quen unicamente preguntou cal é a opinión cidadá sobre un tema é algo que constitúe un erro político de primeira magnitude", sinalou.


"DÉFICIT DE XESTIÓN POLÍTICA"


Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, atribuíu o xuízo ao ex presidente da Generalitat, Artur Mas, ao "déficit de xestión política" ante o "desafío catalán". "Non só coa actuación dos órganos xudiciais se pode dar unha resposta ao desafío catalán. É necesaria unha actuación política tamén que consiga convencer os cidadáns de Cataluña de forma maioritaria que todos xuntos estamos mellor", aseverou.


En declaracións no Parlamento coincidindo co pleno que debate os orzamentos de Galicia para 2017, o socialista expresou o seu "respecto polas decisións xudiciais", e pediu "garantir que os procesos xudiciais se dean nas melloras condiciones posibles".


"APOIO E SOLIDARIEDADE"


A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, censurou o "xuízo político" que se celebra este luns en Cataluña, que atribúe ao "autoritarismo ditatorial" dun réxime "esgotado" que mostra a súa "incapacidade" de aceptar "o dereito dos pobos para decidir".


Durante a súa intervención no pleno do Parlamento, que debate finalmente os orzamentos da comunidade para este ano 2017, Pontón trasladou o seu "apoio e solidariedade" ao ex presidente da Generalitat, Artur Mas, a ex vicepresidenta Joana Ortega e a ex conselleira Irene Rigau.


"Van ser xulgados por algo básico en democracia", manifestou a nacionalista, respecto da "consulta" ao pobo e o que, na súa opinión, foi o cumprimento do "mandato" das urnas.


Para a líder do Bloque, por todo isto, hoxe é "un día vergoñoso" para aquelas persoas "que defenden a democracia".

relacionada Artur Mas e dúas ex conselleiras responden ante a Xustiza pola consulta do 9N

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE