Desmantelan unha rede de tráfico de heroína que operaba desde Galicia e Madrid

A Garda Civil detivo 29 persoas e desmantelou un laboratorio en Pontevedra onde se manipulaba a droga.


|

Heroinadroga


A Garda Civil detivo 29 persoas en Madrid, Pontevedra e Ourense por pertencer a unha organización criminal dedicada ao tráfico de heroína procedente dos Balcáns, Turquía e Holanda que operaba a nivel internacional. Os detidos son principalmente de orixe turca, albanesa e española.


Na operación, denominada 'Galeaza', practicáronse 18 rexistros nas ditas provincias, onde se interviñeron 16 quilogramos de heroína de gran pureza, sustancias de corte, útiles para a adulteración, manipulación e envasado do estupefaciente.


Ademais, na localidade de Pontevedra desmantelouse un laboratorio onde se manipulaba a droga e interviñéronse 35.000 euros en efectivo, unha pistola con munición, 11 vehículos de alta gama dotados algúns deles de dobres fondos para o traslado da droga, material electrónico de comunicacións e documentación relacionada cos feitos investigados.


Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, as investigacións iniciáronse cando se tivo coñecemento da existencia en Pontevedra dunha organización que podería estar abastecendo de heroína a toda a comunidade galega. Desde este momento procedeuse a identificar os integrantes da rede e posteriormente a vixialos.


Grazas a isto pescudouse que se provían da heroína a través de tres organizacións turco-albanesa, asentadas en Madrid e Ourense, encargadas á súa vez da introdución en España de grandes cantidades de heroína procedente dos Balcáns, Turquía e Holanda. Tamén, durante a fase de investigación, os axentes localizaron en Vigo un laboratorio onde os narcos galegos ocultaban e preparaban a droga para ser distribuída.


A heroína era trasladada dun punto a outro oculta en dobres fondos que os propios membros da organización colocaran nos seus vehículos. Esta estrutura delituosa adoptaba importantes medidas de seguridade, como a contravixilancia nos seus movementos ou a utilización das identidades falsas, co fin de esquivar calquera control por parte dalgún Corpo de Seguridade.


UN TURCO PRÓFUGO E UN CIRURXIÁN ESPAÑOL


Unha vez identificados todos os membros da rede e lugares de residencia, procedeuse á detención de 29 integrantes. Entre os detidos atópase un narcotraficante turco, prófugo da Xustiza española sobre o que pesa unha condena de 14 anos de prisión, e un cirurxián madrileño que ocultaba no seu chalé de Madrid parte da droga introducida no noso país.


A operación, dirixida polo Xulgado de Instrución Número 3 de Cangas do Morrazo (Pontevedra) e coordinada polo Fiscal Antidroga da mesma provincia, foi desenvolvida conxuntamente polo Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) da Unidade Central Operativa da Garda Civil con sede en Pontevedra, e a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia de Madrid, contado igualmente coa colaboración, na fase de explotación do Servizo Cinolóxico e outras Unidades do mesmo Corpo de Madrid, Ourense e Pontevedra.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE