Unha novela en vivo na estación de tren de Santiago
O festival 'Escenas do cambio' estreouse coa obra 'A veces creo que te veo', do arxentino Mariano Pensotti.
A estación de tren de Santiago converteuse este sábado nun improvisado escenario teatral coa preestrea da obra 'A veces creo que te veo', do arxentino Mariano Pensotti.
Con esta obra, tal e como precisou a Xunta nun comunicado, comezou o festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura: 'Escenas do Cambio'.
Da man dos escritores galegos Teresa Moure, Antía Otero, Carlos Santiago e Antón Lopo, a estación converteuse nunha sorte de papel na que se 'escribiu' unha novela en vivo, involucrando os usuarios da estación.
Con esta preestrea botou a andar a terceira edición de 'Escenas do Cambio', festival dirixido por Pablo Fidalgo e que terá lugar na Cidade da Cultura entre este sábado 28 de xaneiro e o 15 de febreiro.
O programa engloba 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes e, nel, o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, Matarile Teatro e iLMaquinario.
A apertura oficial do festival terá lugar este martes 31 de xaneiro nun acto no Museo Centro Gaiás no que participará o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. De feito, ese mesmo día, o público terá a oportunidade de gozar de ata catro obras que xogan co espazo, os límites do teatro, a memoria e a danza.
Escribe o teu comentario