Os economistas galegos cren que o aumento das cotizacións sería prexudicial
Máis da metade opina que afectaría á creación de emprego e nin sequera serviría para reforzar o sistema de pensións.
O 56% dos economistas galegos opina que sería prexudicial o incremento das cotizacións sociais co obxecto de reducir o déficit do sistema de pensións e cre que afectaría a a creación de emprego. Ademais, un 27% dos enquisados considera necesaria esta medida aínda que a tacha de negativa. A oposición é maior entre os colexiados que exercen como empresarios por conta propia, ao alcanzar o 70%.
Estes datos despréndense dos resultados do 'Barómetro de economía' correspondente ao segundo semestre de 2016, que realiza o Consello Galego de Economistas, órgano que aglutina aos colexios de economistas e titulares mercantís das catro provincias.
O estudo, que foi presentado este martes en rolda de prensa en Santiago, recolle a opinión do colectivo de colexiados economistas e titulados mercantís galegos en relación a parámetros crave da economía rexional, nacional e provincial. O director da publicación, Venancio Salcines, e a directora do estudo, María Jesús Freire Seoane, xunto ao presidente do Consello, Miguel Vázquez Taín, foron os encargados de expoñer os principais datos.
MELLORA DA PERCEPCIÓN
Os resultados mostran unha lixeira mellora no ritmo de crecemento económico, tanto desde o punto de vista das expectativas, como no relativo á procura de solucións aos problemas que afectan á economía galega. Así, un 39% dos economistas manifesta que a situación da economía galega está "mellor" respecto ao ano anterior, alcanzando o pico de valoración desde o inicio do estudo en 2010.
Para un 45% dos enquisados a situación económica de Galicia mantense. Os profesionais de Pontevedra e A Coruña son quen afirma que está "mellor" co 43% e 40%, respectivamente.
Tendo en conta o sector de actividade dos entrevistados, obsérvase que os traballadores de banca e seguros predominan na súa valoración optimista sobre a situación da economía galega (59%), mentres que os colexiados da construción e servizos son os que presentan valoracións máis pesimistas (27% e 26%, respectivamente).
PARO, PRINCIPAL PROBLEMA
Para os profesionais, o paro continúa sendo o problema máis importante (72%) e rexistra lixeiras diferenzas segundo a provincia de residencia de cada enquisado, cunha maior incidencia para os que habitan en Pontevedra (75%). Séguenlle a inadecuada dimensión da estrutura das empresas galegas (43%) e a escaseza de crédito (42%).
As medidas que reclaman como urxentes para fomentar o emprego non variaron con respecto a barómetros anteriores. Cren oportuno mellorar o sistema educativo coa máis alta valoración (8,5 sobre 10), seguido da captación de investimento estranxeiro (7,8), a creación de novos nichos de emprego (7,8) e a reactivación do sector agrario (7,1).
Os entrevistados máis novos reclaman cunha especial incidencia "incrementar o emprego público" e "crear novos nichos de emprego". A reactivación do sector agrario considérase prioritaria na provincia de Lugo.
INICIATIVA PRIVADA
O último bloque do estudo recolle a opinión dos enquisados con respecto a tres temas actuais. Nesta ocasión púxose en cuestión o incremento de cotizacións sociais para reforzar o sistema de pensións, a facilidade para establecerse como empresario en Galicia e a preferencia entre gasto público ou iniciativa privada para fortalecer o crecemento da economía galega.
O 50% dos entrevistados confía máis na iniciativa privada para favorecer o crecemento económico de Galicia, mentres que un 40% indica que as administracións públicas deben ter un maior protagonismo en termos de gasto público. Esta opción increméntase na provincia de Lugo, na que un 48% dos entrevistados confía máis na xestión pública.
En canto á facilidade para ser empresario na comunidade, a metade dos colexiados indica que existe maior nivel de dificultade que noutras autonomías, mentres que un 26% cre que hai outras comunidades nas que é máis fácil establecerse. Os parados e os empresarios son os que perciben maiores dificultades para exercer por conta propia.
Escribe o teu comentario