Profesores formados para derrubar os estereotipos de xénero
50 docentes comezan este luns unha nova edición do curso coordinado pola USC.
Este luns 23 de xaneiro comeza o curso 'Orientación, titoría e construción de identidades libres de estereotipos de xénero', organizado e financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade na modalidade de teleformación a través da plataforma de formación do profesorado (Platega).
Segundo indicou o Goberno galego nun comunicado, o curso está coordinado pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María José Méndez Lois, e impartido por profesorado do Seminario de Emocionalidade, Xénero e Desenvolvemento Humano da USC.
En concreto, esta actividade formativa forma parte do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A súa finalidade é sensibilizar e formar o profesorado non universitario para a procura dunha intervención en orientación académico-profesional inclusiva. Para iso, traballaranse catro eixos.
Trátase da socialización diferenciada de nenos e nenas; a construción da identidade libre de estereotipos de xénero no medio académico; a indagación e análise obxectivo da realidade laboral actual; e o deseño de propostas de orientación académica e profesional non sexista.
En concreto, o curso está dividido en catro grandes bloques: procesos de socialización e construción da identidade de xénero, coñecemento do medio académico, coñecemento do mercado laboral e incorporación da perspectiva de xénero na orientación profesional desde a escola.
O curso ten unha duración de 30 horas non presenciais. Iníciase este luns 23 de xaneiro e finaliza o próximo 8 de marzo. En total, participan 50 profesores dos centros educativos de Galicia coa finalidade de adoptar o enfoque de xénero nas institucións educativas e no traballo.
Escribe o teu comentario