As matemáticas galegas cotizan á alza
O Catedrático de Matemáticas da USC, Alberto Cabada, e a súa colega Lorena Saavedra, veñen de recibir unha mención honorífica do Premio de Investigación Ernesto Vieitez 2016.
Entrega Premios de Investigación 2016 da Real Academia Galega de Ciencias
O catedrático de Matemáticas da USC Alberto Cabada é, seguramente, un dos responsables de que a Facultade de Matemáticas da USC estea hoxe nun bo momento e goce dun prestixio nacional e internacional. Onte mesmo a Academia Galega das Ciencias recoñecía a súa valía e a da súa colega Lorena Saavedra cunha mención honorífica do Premio de Investigación Ernesto Vieitez 2016.
O profesor Cabada, director do Instituto de Matemáticas da USC desde 2014, centra a súa actividade investigadora no estudo cuantitativo e cualitativo das funcións de Green. Unha ferramenta con múltiples aplicacións no ámbito do cálculo de reacción de estruturas, moi utilizadas na enxeñería civil e industrial.
O catedrático afirma satisfeito que despois de pasar por un período sombrío durante o inicio do século, hoxe pódese dicir que as matemáticas -e a facultade de Santiago en particular-, pasan por un momento de bonanza. "As cousas están a facerse ben, a facultade funciona ben, hai aquí xente con moita cabeza", son 120 os alumnos que entran anualmente e a instauración de os dobres graos está a funcionar moi satisfactoriamente. Proba diso é que a nota de corte en Matemáticas Física alcanzou o 13,4, a máis alta da USC.
Pero Alberto Cabada recoñece que lle entristece ver que algúns alumnos con gran talento se teñen que ir fóra para conseguir desenvolver a súa carreira. Considera que hai unha tarefa pendente en Galicia e é que as empresas aposten por estes perfís brillantes.
Cabada recoñece que as matemáticas son hoxe un coñecemento que está detrás de todo o desenvolvemento tecnolóxico e inflúen de maneira transversal nas comunicacións, a medicina, a banca ou a seguridade e a defensa. E a empresa debe saber beneficiarse do enorme talento que xorde das aulas galegas.
A ciberseguridade ou a criptografía, por exemplo, son ferramentas fundamentais para a loita anti-terrorista ou para combater o hackeo informático e estas repousan sobre algoritmos matemáticos. Conscientes do enorme potencial que supón a alianza entre os perfís matemáticos e o desenvolvemento empresarial, desde o equipo de investigación Ecuacións Diferenciais Non Lineais, no que participa e coordina o profesor Juan José Neto Roig, apostaron por envorcar o seu traballo investigador na área sanitaria, e en concreto en poñer as matemáticas ao servizo da investigación do comportamento de virus e previr posibles pandemias como o Zika ou o Ébola. Para o investigador non é unha casualidade que o equipo no que participa haxa alumnos bolseiros en China ou Irán, pagados polos seus países que elixiron Galicia e a facultade de Matemáticas da USC porque xa é unha referencia internacional de futuro.
Escribe o teu comentario