Bárcenas non declaraba o diñeiro de Suíza porque o tiña como "fondo de pensións"
Explicou que o diñeiro que depositou en dúas contas en Suíza a partir de 1988 procedía de "transaccións con non residentes españois".
O extesoureiro do PP Luís Bárcenas defendeu este martes que nunca declarou o diñeiro do que dispoñía en contas fóra de España porque quería conservalo a modo de "fondo de pensións".
Durante a súa segunda xornada de declaración ante o tribunal da Audiencia Nacional encargado de xulgar a primeira época de actividades da trama Gürtel, o que fose xerente da formación, que se enfronta a unha petición fiscal de 42 anos e medio de cárcere, comezou a responder o bloque de preguntas relacionado cos seus ingresos no estranxeiro.
Explicou á fiscal Concepción Sabadell que o diñeiro que depositou en dúas contas en Suíza a partir de 1988 procedía de "transaccións con non residentes españois". Os fondos "non estaban declarados, porque o diñeiro era de operacións que realizaba fóra e quería telo fóra e non o declaraba en España", foi a súa explicación ante as reiteradas preguntas do Ministerio Público sobre o seu falta de tributación.
Segundo concretou, antes de dirixirse a Suíza, abriu en 1986 unha conta en Porto Rico onde depositou os ingresos de operacións realizadas en Estados Unidos e Porto Rico.
En canto ao presunto uso de sociedades pantalla para ocultar estes ingresos, o extesoureiro do PP indicou que, en todo caso, habería de denominar a compañías como a Fundación Sinequanon, "sociedades visillo". "Víase perfectamente que eu estaba detrás", dixo.
Escribe o teu comentario